A UDC e Alvixe selan un protocolo para previr a violencia de xénero e apoiar ás vítimas

ACoruñaXa
O acordo permitirá impulsar proxectos de acompañamento e asesoramento a mulleres en situación de vulnerabilidade
A CORUÑA udc firma convenio xénero
21 Oct 2025

A Universidade da Coruña (UDC) e a Asociación Alvixe asinaron un convenio marco de colaboración orientado á promoción da igualdade, á prevención da violencia machista e ao apoio integral das mulleres vítimas. O documento foi rubricado polo reitor, Ricardo Cao Abad, e pola presidenta de Alvixe, Marina Nikoghosyn, nun acto celebrado na Vicerreitoría do Campus de Ferrol e Responsabilidade Social.

O protocolo fixa un marco de traballo compartido que abrangue a docencia, a investigación e a acción social: programas formativos en igualdade, asesoramento mutuo, participación conxunta en proxectos de I+D, intercambio de profesorado e persoal técnico, así como a creación de iniciativas específicas de acompañamento e orientación a vítimas de violencia de xénero. Cada actuación concretarase en convenios específicos cos seus obxectivos, participantes e financiamento.

A alianza terá unha vixencia inicial de catro anos, prorrogable, e disporá dunha comisión de seguimento con representantes de ambas entidades para avaliar o seu desenvolvemento. Con este paso, a UDC reforza o seu compromiso cunha sociedade máis xusta e igualitaria. Alvixe, creada en Ferrol en 2017, achegará a súa traxectoria no acompañamento ás vítimas e na sensibilización fronte á violencia de xénero.

⚙ Configurar cookies
0.071853160858154