A UDC destaca o seu Máster en Innovación e Dixitalización Financeira con prazas limitadas

A Universidade da Coruña (UDC) porá en marcha no vindeiro curso académico a segunda edición do Máster en Innovación e Dixitalización Financeira, unha titulación pioneira en Galicia que combina formación académica coa obtención da certificación oficial como Consultor SAP. Esta proposta formativa consolidouse tras os “moi bos resultados” acadados na súa primeira edición, segundo destaca o seu coordinador, Óscar Pedreira.
O obxectivo principal do máster é capacitar o alumnado para afrontar os desafíos das finanzas dixitais, a través do coñecemento dos sistemas e soportes tecnolóxicos que dan apoio ás áreas financeiras das empresas. A formación céntrase especialmente no ecosistema SAP, un software líder a nivel internacional que integra todos os procesos de xestión empresarial, desde loxística ata contabilidade. O perfil de consultor SAP está, ademais, entre os máis demandados no ámbito da tecnoloxía financeira.
A primeira promoción, integrada por 26 estudantes, obtivo a certificación en SAP Finance and Controlling, recoñecida internacionalmente. Todas as persoas participantes completarán prácticas remuneradas dun mínimo de tres meses nalgunha das entidades colaboradoras.
Nesta nova edición, o máster contará con 450 horas de formación e manterá a colaboración cun amplo abano de empresas patrocinadoras de primeiro nivel: PwC, Deloitte, KPMG, EY, Accenture, Minsait, Corporación Hijos de Rivera, Inditex, Seidor e Inetum.
A formación está limitada a 20 prazas e a inscrición permanecerá aberta ata o próximo 14 de xullo. As persoas interesadas poden consultar toda a información na web oficial do máster: https://masterfinanzasdigitales.udc.es.