A UDC dá o pistoletazo de saída aos Campionatos Deportivos Universitarios coa natación e a vela

ACoruñaXa
O campus de Bastiagueiro acolle este martes 24 as probas de piscina, con 22 carreiras e preto de 80 deportistas, antes da cita de vela do día 26 en Vilagarcía
A CORUÑA piscina UDC
23 Feb 2026

A Universidade da Coruña (UDC) arrinca esta semana coa XXVIII edición dos Campionatos Deportivos Universitarios Xunta de Galicia nas modalidades de natación e vela, dúas disciplinas organizadas nesta edición pola institución coruñesa ao tratarse dun evento de sede rotatoria entre as tres universidades públicas galegas.

A primeira das citas será a de natación, que se disputa este martes 24 de febreiro a partir das 11.30 horas na piscina da Facultade de Ciencias da Actividade Física e do Deporte, no campus de Bastiagueiro. O programa inclúe un total de 22 probas, con distancias curtas e medias, estilos individuais e remudas mixtas, nas categorías absoluta feminina e masculina.

A competición desenvolverase en formato contra-reloxo, con toma de tempos manual e baixo supervisión de persoal designado pola Federación Galega de Natación. A organización prevé a participación de arredor de 80 deportistas, nun campionato que busca consolidar a natación universitaria en Galicia con probas oficiais e con estándares de calidade.

Ademais do título autonómico, a cita serve de porta de entrada ao calendario estatal: as mellores marcas poderán representar a Galicia nos Campionatos de España Universitarios, que se celebrarán en Granada o 10 de abril.

Tras a xornada de piscina, a quenda será para a vela o día 26 de febreiro no Centro Galego de Vela, en Vilagarcía de Arousa. Neste caso competirán ata 12 tripulacións mixtas, formadas por catro integrantes, co premio engadido de optar á fase nacional, prevista en Cádiz.

Os Campionatos Deportivos Universitarios Xunta de Galicia reúnen un ano máis ás tres universidades públicas co obxectivo de promover valores como a convivencia, o respecto e o espírito competitivo saudable. Nesta edición, o estudantado participa en disciplinas colectivas como fútbol, rugbi, baloncesto, voleibol e balonmán, ademais de modalidades individuais e ao aire libre como natación, vela e orientación, coas probas de auga este ano baixo a organización da UDC.

0.082117080688477