A UDC convoca o XIII Concurso 'Ángeles Alvariño' de traballos académicos con perspectiva de xénero

ACoruñaXa
A Oficina para a Igualdade de Xénero destina 5.000 euros en premios e premiará dous TFM e dous TFG
A CORUÑA udc concurso
25 Sep 2025

Oficina para a Igualdade de Xénero da Universidade da Coruña (UDC), adscrita á Vicerreitoría de Igualdade e Diversidade, lanza a XIII edición do Concurso de Traballos Académicos con Perspectiva de Xénero 'Ángeles Alvariño'. O certame busca incentivar que o alumnado de grao e máster incorpore a óptica de xénero ás súas investigacións e, con iso, afondar na súa presenza na docencia e na investigación universitaria.

O prazo para inscribirse e achegar a documentación permanecerá aberto até o 15 de outubro de 2025. Poderán presentarse TFG e TFM defendidos no curso 2024/2025 en calquera das titulacións oficiais impartidas na UDC. As candidaturas tramítanse preferentemente a través da Sede Electrónica da Universidade, dirixidas á Oficina para a Igualdade de Xénero, aínda que tamén se poderán rexistrar de maneira presencial.

No relativo aos galardóns, establécese unha dotación global de 5.000 euros, a repartir entre os traballos distinguidos. O xurado escollerá os dous mellores TFM atendendo á relevancia e orixinalidade da temática, ás achegas do estudo, á calidade e á dificultade de realización, así como ao enfoque de xénero. Tamén se premiarán os dous mellores TFG presentados nas áreas de Artes e Humanidades, Ciencias e Ciencias da Saúde, Ciencias Sociais e Xurídicas, e Enxeñaría e Arquitectura. As contías individuais serán de 800 euros para os primeiros premios e de 200 euros para os segundos.

As persoas interesadas deberán achegar: o modelo oficial de solicitude cuberto, o traballo íntegro (TFG ou TFM), un resumo entre 1.500 e 3.000 palabras, copia do DNI e o consentimento para o tratamento de datos persoais, así como para a captación e difusión de imaxes.

⚙ Configurar cookies
0.095257997512817