A UDC conmemora o 8M con actos institucionais e actividades nos seus campus

ACoruñaXa
As facultades e escolas da Universidade da Coruña organizan diversas actividades ao longo do mes de marzo
8m_usc
5 Mar 2025

A Universidade da Coruña celebrará o Día Internacional das Mulleres cunha serie de actos institucionais e actividades programadas nos distintos centros dos campus da Coruña e Ferrol. A conmemoración terá o seu acto central o xoves 6 de marzo no Campus da Coruña e o venres 7 de marzo no Campus de Ferrol.

O primeiro destes actos desenvolverase na Casa do Estudantado do Campus de Elviña, mentres que o segundo terá lugar na Praza de Humanidades do Campus de Ferrol. Ambos os eventos, que darán comezo ás 10:00 horas, estarán centrados na lectura do manifesto do 8M, un acto simbólico para dar visibilidade á loita pola igualdade de xénero.

Ademais destas iniciativas institucionais, as facultades e escolas da UDC organizan diversas actividades ao longo do mes de marzo para reflexionar sobre o papel da muller na sociedade e na historia. A Facultade de Economía e Empresa acollerá unhas xornadas dedicadas ás mulleres emprendedoras e traballadoras do sector marítimo, con mesas redondas, coloquios e obradoiros que afondarán no papel feminino dentro da industria pesqueira e comercial.

A Facultade de Filoloxía organizará unha "Reading Party Feminista", ademais dunha exposición dedicada a mulleres italianas destacadas. Pola súa banda, a Escola Técnica Superior de Arquitectura promoverá un concurso de carteis baixo o lema "8M-eigas", cunha temática centrada en estudantes, investigadoras e arquitectas galegas, ademais dun ciclo de charlas en formato Pechakucha.

No Campus de Elviña, a Facultade de Ciencias da Educación celebrará actividades interactivas como un xogo de cartas sobre mulleres galegas, un obradoiro sobre as cigarreiras e unha conversa a tres voces sobre represión e rebeldías cotiás. En Ferrol, a Facultade de Ciencias do Traballo organizará talleres sobre políticas de igualdade, avaliación inclusiva e mentoría, ademais dun concurso de pósters.

Con esta programación, a Universidade da Coruña reafirma o seu compromiso coa igualdade de xénero e co Día Internacional das Mulleres como unha xornada de reivindicación e sensibilización. A institución anima a toda a comunidade universitaria a implicarse na construción dunha universidade máis xusta, inclusiva e libre de discriminación.

⚙ Configurar cookies
0.40853309631348