A UDC celebra a II Olimpíada de Salvamento Marítimo cunha emocionante competición estudantil

ACoruñaXa
O obxectivo era reforzar os coñecementos teóricos e prácticos do alumnado no ámbito da seguridade marítima
olimpiadas-udc
3 May 2025

A Escola Técnica Superior de Náutica e Máquinas da Universidade da Coruña foi o escenario da segunda edición das Olimpíadas de Salvamento Marítimo, unha competición organizada pola propia escola e a súa asociación de estudantes, a Asociación Marineda. O evento na aula Náutica co obxectivo de reforzar os coñecementos teóricos e prácticos do alumnado no ámbito da seguridade marítima, á vez que se promove a conciencia social entre os futuros profesionais do mar.

Durante a xornada, seis equipos formados por 24 estudantes tiveron que superar diversas probas técnicas como a colocación do traxe de supervivencia en menos de dous minutos, o volteo e arrastre dunha balsa salvavidas, o lanzamento de sisga, o manexo dunha embarcación de rescate ou unha proba a nado con traxe incluído. Cada unha destas probas podía realizarse de forma individual ou en grupo, e o equipo gañador foi aquel que completou os cinco exercicios no menor tempo posible.

Baixo a supervisión do profesorado das materias de Seguridade Marítima dos graos en Máquinas Navais e Náutica e Transporte Marítimo, e co apoio da Cruz Vermella, a competición decorreu sen incidencias e cun elevado nivel de implicación por parte dos participantes.

O equipo “Os Ciclados de Carnot” proclamouse vencedor absoluto da xornada e foi premiado cun cheque de 200 euros. En segunda posición quedou o equipo “Café & pincho La Naval”, que levou como agasallo suadoiros da Asociación Marineda. O terceiro posto foi para “Os peixas de terra”, que recibiron camisetas da mesma entidade.

Con esta iniciativa, a ETS de Náutica e Máquinas consolida unha actividade que combina formación, deporte e espírito de equipo, contribuíndo á preparación integral do seu alumnado.

⚙ Configurar cookies
0.14973497390747