A UDC avala por unanimidade o convenio que descentraliza a docencia clínica de Medicina

O Consello de Goberno da Universidade da Coruña aprobou hoxe por unanimidade o texto do convenio para a descentralización da docencia clínica de Medicina, acordado entre a Xunta de Galicia, a USC, a UVigo e a propia UDC.
O documento prevé que toda a docencia teórica e práctica de 4º, 5º e 6º curso se imparta de maneira descentralizada nos hospitais universitarios da Coruña e Vigo, cun cento de estudantes aproximadamente en cada centro, e cun calendario que estará completado no curso 2028/2029. A UDC e a UVigo convocarán o 50 % das prazas de profesorado e participarán na elaboración dos PODs.
O convenio mantén o CHUAC como hospital universitario da UDC, que o compartirá coa USC só para fins docentes de Medicina, e garante a vinculación exclusiva do INIBIC coa universidade coruñesa. A Xunta asumirá os custos da descentralización. Como contrapartida, a UDC adía a solicitude dun grao propio en Medicina mentres dure o acordo, pero resérvase a posibilidade de reactivar o procedemento se se incumpren as condicións ou se se autorizan novos títulos noutros centros.