A UDC aposta pola IA sostible con dous novos títulos sobre algoritmos verdes

ACoruñaXa
As formacións desenvolveranse nas instalacións do Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (CITIC)
citic-udc
20 May 2025

A Universidade da Coruña abre unha nova etapa formativa centrada na innovación e a sostibilidade coa primeira edición de dous títulos propios sobre intelixencia artificial (IA): o Curso de Experto en Intelixencia Artificial e Algoritmos Verdes e a Microcredencial Algoritmos Verdes para a Intelixencia Artificial: Deseño e Implementación. O prazo de preinscrición para ambos programas estará aberto ata o 15 de xuño.

As dúas formacións desenvolveranse nas instalacións do Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (CITIC), no Campus de Elviña, e enmárcanse no compromiso da universidade coa tecnoloxía responsable e o respecto ambiental.

O Curso de Experto impartirase entre setembro e decembro de 2025. Conta cun total de 25 créditos ECTS e 625 horas de formación, e está dirixido a persoas con formación universitaria en áreas das TIC ou enxeñerías, con coñecementos previos de programación. O programa terá un enfoque práctico e estrutúrase en módulos que cobren desde os fundamentos da IA ata a súa aplicación sostible en contornos reais. As clases serán os martes, xoves e venres de 16:00 a 20:00 horas, e estarán a cargo dun equipo interdisciplinar composto por persoal investigador da UDC e especialistas de empresas tecnolóxicas e outras universidades.

Pola súa parte, a Microcredencial desenvolverase entre setembro e outubro do mesmo ano, cun total de 6 créditos ECTS. Esta formación intensiva, con clases os luns e mércores no mesmo horario de tarde, está dirixida a persoas cun mínimo de estudos de bacharelato, FPII ou ciclos superiores, e que teñan coñecementos previos de programación. O programa céntrase na aprendizaxe práctica sobre o uso de tecnoloxías como CPUs e TPUs e na optimización de algoritmos para acadar unha implementación eficiente e sostible.

Esta microcredencial é a primeira das catro que compoñen o programa Algoritmos Verdes para a Intelixencia Artificial. A superación das catro dará acceso a un título de nanomáster recoñecido pola súa especialización en IA sostible.

Con esta nova programación, a Universidade da Coruña reforza a súa aposta pola formación técnica de alto nivel, a innovación e a sustentabilidade, buscando dar resposta aos retos actuais da sociedade e do medio ambiente.

⚙ Configurar cookies
0.34482002258301