A UDC analiza se os novos combustibles verdes poden reducir o impacto ambiental do transporte marítimo

ACoruñaXa
O investigador José Miguel Mahía publicou un estudo no que compara o metano, metanol, amoníaco e hidróxeno verdes
udc-transporte-maritimo
2 Jul 2025

Reducir as emisións de gases de efecto invernadoiro (GEI) do transporte marítimo —responsable do 3 % das emisións globais— é un desafío clave para a transición enerxética. A substitución dos combustibles fósiles por alternativas sostibles é fundamental para cumprir cos obxectivos da Organización Marítima Internacional (IMO) e da Unión Europea (UE).

Neste contexto, o investigador da Universidade da Coruña (UDC) José Miguel Mahía publicou na revista científica Fuel un estudo no que compara o metano, metanol, amoníaco e hidróxeno verdes desde unha perspectiva técnica, económica e normativa. Este traballo forma parte da súa tese de doutoramento industrial, que está a desenvolver en colaboración coa empresa CT Ingenieros, na delegación de Ferrol.

A investigación realízase no Centro de Investigación en Tecnoloxías Navais e Industriais (CITENI), situado no Campus Industrial de Ferrol, dentro da Escola Técnica Superior de Náutica e Máquinas (ETSNM) da UDC e o Grupo de Enxeñaría Enerxética (INGEN), ao que pertence Mahía. Tamén conta coa participación da Escola Superior Náutica Infante D. Henrique, en Portugal. Ignacio Arias e Manuel Romero, coautores do artigo, son ademais codirectores da tese.

O estudo avalía os desafíos e oportunidades destes catro combustibles mediante a revisión da normativa internacional —como os índices de eficiencia EEXI e EEDI, o indicador de intensidade de carbono CII, e o sistema de comercio de emisións da UE (EU ETS)—, un modelo teórico de motor naval, e un análise de custos, infraestrutura e dispoñibilidade.

“O sector marítimo avanza a distintas velocidades en materia de descarbonización. Por iso, é fundamental identificar onde están os maiores desafíos para actuar eficazmente”, sinala Mahía.

O metano, na súa forma de gas natural licuado (GNL), é o combustible alternativo máis implantado actualmente debido á súa madurez tecnolóxica, unha extensa rede de subministración e custos moderados. O metanol destaca como unha opción de futuro pola súa facilidade de manexo, menores emisións e maior adopción.

Con todo, o hidróxeno e o amoníaco, a pesar do seu potencial para eliminar as emisións de CO₂, aínda están lonxe de consolidarse no mercado marítimo por limitacións tecnolóxicas, riscos de seguridade e falta de infraestruturas adecuadas. Ademais, o estudo alerta sobre riscos como emisións secundarias de óxidos de nitróxeno e inestabilidade nos procesos de combustión que requiren máis investigación.

Outro aspecto relevante é que certos efectos climáticos non desexados, como fugas de metano ou alteracións atmosféricas provocadas polo hidróxeno, poderían reducir a eficacia destas solucións se non se xestionan correctamente.

“O metano é, con diferenza, o combustible alternativo con maior proxección, seguido polo metanol, que está a aumentar a súa adopción”, conclúe Mahía. “En comparación, os pedidos de buques que usan amoníaco ou hidróxeno son case inexistentes. Esta transición desigual debe ser tida en conta ao deseñar estratexias para avanzar na transición enerxética do transporte marítimo segundo o combustible.”

⚙ Configurar cookies
0.15740013122559