A UDC adhírese ao Hub de Innovación Dixital DIH DATAlife para impulsar a transformación dixital

A Universidade da Coruña (UDC) formalizou a súa adhesión ao Hub de Innovación Dixital DIH DATAlife. O vicerreitor de Investigación e Transferencia da UDC, Jerónimo Puertas, e o presidente de DIH DATAlife, Juan Sebastián Pantoja Conde, foron os encargados de asinarlle o acordo.
A incorporación da UDC ao Hub, onde estará representada pola catedrática de Universidade e adxunta de Transferencia, Susana Ladra, representa unha oportunidade estratéxica que reforza o seu papel como axente clave na transformación dixital e na xeración de coñecemento en Galicia. A través desta adhesión, a Universidade contribuirá de forma significativa á potenciación da Intelixencia Artificial (IA), a ciencia de datos e outras tecnoloxías emerxentes, cun impacto directo en sectores clave como a bioeconomía, a sustentabilidade e a saúde, afianzando o seu liderado tecnolóxico a través da especialización en tecnoloxías disruptivas.
Outro dos beneficios máis destacados da participación da UDC en DATAlife é a súa contribución á cohesión do sistema galego de innovación. A creación de modelos colaborativos arredor da dixitalización e da especialización intelixente de Galicia permite optimizar o uso dos recursos e infraestruturas existentes, promovendo a autosustentabilidade do sistema e consolidando a posición de Galicia como unha biorrexión europea de referencia.
A implicación das principais empresas tractoras nos sectores estratéxicos do DIH DATAlife facilita a validación e implementación de novas tecnoloxías, promovendo así a transferencia de coñecemento cara ás PEMEs e fortalecendo a competitividade do tecido industrial galego. Este modelo de colaboración aberta permite á Universidade reforzar a súa capacidade para conectar a investigación académica co sector produtivo, impulsando a investigación aplicada e favorecendo a transferencia de coñecemento.
En definitiva, a presenza da UDC no Hub DATAlife non só reforza a súa posición como líder en investigación e innovación, senón que tamén amplifica o seu impacto na sociedade e na economía, consolidando o seu compromiso co desenvolvemento sustentable e coa transformación dixital do territorio.