A UDC acorda iniciar o expediente de solicitude da titulación de Medicina

ACoruñaXa
A proposta presentada polo equipo de Goberno foi apoiada de xeito unánime polos membros deste órgano
udc-medicina
17 Jul 2025

O Consello de Goberno da UDC acordou hoxe por unanimidade iniciar o expediente de solicitude da titulación de Medicina, coas vistas postas en poder concluír o procedemento en tempo e forma e poder implantar o grao no curso 27/28.

Tal e como se contempla na normativa autonómica e estatal, este procedemento de implantación debe someterse a diferentes fases, para o que a Universidade da Coruña vén de crear a comisión redactora da dita titulación, conformada por persoal da UDC, pero que contará con especialistas externos na materia.

O obxectivo, tal e como explicou o reitor no transcurso do Consello de Goberno, é dar resposta a unha demanda social e formativa, achegando unha nova proposta ao Sistema Universitario de Galicia. “Temos por diante un importante reto, que é deseñar un grao que se sitúe á vangarda en innovación educativa, aplicando os avances tecnolóxicos e o potencial investigador, en coordinación coas infraestruturas sanitarias de referencia da nosa contorna como é o CHUAC”, destacou Cao.

O reitor subliñou que esta é “unha aspiración lexítima da UDC, á vez que beneficiosa para o Sistema Universitario de Galicia, pois aspira a unha mellor formación”, sobre todo tendo en conta que o 50% dos estudos de Medicina corresponden a prácticas clínicas, e A Coruña e a súa contorna conta con recursos e unidades de referencia, “un potencial que debemos aproveitar”.

Tras o acordo de hoxe, o seguinte paso será presentar o documento de declaración de intencións a aprobación do Consello de Goberno e elaborar a memoria de verificación e xustificativa, que deberán ser expostos a información pública e recibir a aprobación da Xunta de Facultade, Consello de Goberno e Consello Social, previamente a solicitar a autorización de envío a verificación por parte da Secretaría Xeral de Universidades. A continuación envíase o título a verificación pola ACSUG

Na súa intervención, o reitor explicou tamén o desenvolvemento do grupo de traballo para a descentralización de Medicina, creado tras a última reunión do Comité de Docencia Clínica. “Un grupo -explicou- no que desde este equipo de Goberno consideramos participar manifestando expresamente que o faría mantendo a nosa decisión de solicitar a titulación, pois consideramos compatible avanzar na descentralización da docencia clínica para apoiar ao sistema, ao tempo que se traballa na implantación da nova titulación que non tería alumnado de segundo ciclo ata o curso 30-31”.

⚙ Configurar cookies
0.16467523574829