A UDC acollerá a exposición 'Videoarte en Movemento' o 31 de xullo
Videoarte en Movemento (VEM) chega a Normal, o Espazo de Intervención Cultural da Universidade da Coruña. A furgoneta do VEM, que viaxará por España e Portugal ofrecendo unha programación de videoarte internacional ao aire libre e de carácter gratuíto, ten parada este 31 de xullo na UDC, en Normal.
VEM é unha experiencia itinerante da creación visual en ambientes de transición e de paso, exhibindo un programa composto por obras de videoartistas internacionais.
Trátase dun comisariado de videoarte con perspectiva histórica e para que a súa asistencia ao aire libre, nunha noite de verán, sexa accesible e de interese para todos os públicos e idades. As proxeccións lévanse a cabo en contornas de pequena e mediana escala, sacando as obras do contexto expositivo tradicional co fin de levalas a espazos de proxección pública abertos.
O acceso será de balde ata completar a capacidade do espazo.
“Todas as imaxes rexistradas, documentadas e posiblemente creadas imaxinativamente pola arte reflicten, traducen ou teñen como pano de fondo o resultado da intervención humana sobre a Terra. Esta idea vai moito máis alá da coñecida e preponderante axenda ambiental, que deplora as nosas actitudes de intrusión inconsecuente na natureza, para referirse a milenios de interposicións de todo tipo: nos pobos, nas xeografías, nas paisaxes, nos obxectos, nos ecosistemas, nas nacións, nas imaxes, nos corpos, na información, nos gobernos, nos sentimentos. Pertencemos a unha existencia marcada polas interferencias”, Alisson Ávila, Mario Gutiérrez Cru e António Câmara Manuel.
Esta iniciativa, producida pola Plataforma PROYECTOR e financiada pola Direção-Geral das Artes do Ministério da Cultura da República Portuguesa, terá a súa cita con nós o vindeiro 31 de xullo, ás 21:00 h no aparcadoiro de Normal-Espazo de Intervención Cultural UDC, co apoio da Deputación da Coruña.