A UDC acolle un proxecto para impulsar o emprendemento con perspectiva de xénero

ACoruñaXa
A Universidade da Coruña participa na iniciativa estatal "Misións comerciais en feminino"
udc-comercial-fem
1 May 2025

A Universidade da Coruña (UDC), a través da súa Unidade de Emprego, integrada no Vicerreitorado de Estudantes e Empregabilidade, participa estes días na iniciativa estatal “Misións comerciais en feminino”, unha proposta que ten como obxectivo incorporar a perspectiva de xénero nos procesos de transferencia de coñecemento e creación de empresas.

No marco deste proxecto, a UDC acolle durante esta semana a visita das emprendedoras Lorena Martínez Benlloch e Paula Lucía González Torres, da Universidade Complutense de Madrid, impulsoras da iniciativa "Profes Inquietxs", un proxecto que promove actividades formativas para estudantes e docentes que queiran explorar formas alternativas de aprendizaxe, máis aló do currículo académico convencional. A súa proposta destaca pola promoción de competencias clave como o pensamento crítico, a resolución de problemas ou a intelixencia emocional.

Durante a súa estancia, que se estenderá ata o venres 2 de maio, desenvolverase un programa de actividades orientado a tecer alianzas coa comunidade universitaria, visibilizar as súas liñas de traballo e fomentar o emprendemento con enfoque de xénero.

O acto de benvida oficial celebrouse na Reitoría da UDC, con intervención da vicerreitora de Estudantes e Empregabilidade, María José Lombardía Cortiña. Posteriormente, as emprendedoras compartiron a súa experiencia coa comunidade educativa na Facultade de Ciencias da Educación, nun encontro conducido polas profesoras María Paula Ríos de Deus e María del Pilar García de la Torre.

Xa pola tarde, visitarán o Edificio de Servizos Centrais de Investigación (ESCI), onde coñecerán os espazos de coworking e programas de apoio ao emprendemento como Santander X Explorer UDC e a colaboración con Espazocoop e a Rede Eusumo - Unión de Cooperativas Galegas. O venres, a súa axenda incluirá tamén sesións de mentoring dirixidas a persoas interesadas no emprendemento con perspectiva de xénero.

 

 

⚙ Configurar cookies
0.086615085601807