A UDC acolle a primeira edición dos premios universitarios aos traballos sobre emprendemento
A Universidade da Coruña convoca a primeira edición dos premios universitarios a Traballos de Fin de Grao (TFG), Traballos de Fin de Máster (TFM) e teses de doutoramento en materia de emprendemento, defendidos na UDC nos cursos 2022/2023 e 2023/2024.
Os galardóns están financiados a través dun convenio de colaboración entre a Consellería de Emprego, Comercio e Emigración da Xunta de Galicia e a Universidade da Coruña, a Universidade de Santiago de Compostela e a Universidade de Vigo para a difusión, promoción e apoio ao emprendemento na comunidade universitaria.
Poderá presentarse o estudantado de calquera área de coñecemento que teña defendido un TFG,TFM ou tese de doutoramento que verse sobre a actividade emprendedora e a súa xestión.
O número total de premios é de 20, repartidos en dúas categorías: TFG e TFM por unha banda; e teses de doutoramento, por outra. Así, haberá un primeiro e un segundo premio para cada unha das seguintes áreas de coñecemento: Artes e Humanidades, Ciencias Sociais e Xurídicas, Ciencias, Enxeñerías e Arquitectura, e Ciencias da Saúde.
Para os TFG e TFM, o primeiro premio consistirá nunha dotación económica de 1000 euros, e o segundo, nunha contía de 500 euros. No caso das teses de doutoramento, o primeiro premio está dotado con 1.600 euros e o segundo con 800. Tamén haberá un accésit en cada unha das categorías, de 200 euros para os TFG e TFM, e de 300 para o caso das teses de doutoramento. En total, a UDC repartirá 20.000 euros entre os proxectos gañadores.
O prazo de presentación de solicitudes remata ás 14:00 horas do día 30 de agosto de 2024.