A UDC acolle a International Week sobre transformación dixital na educación superior

ACoruñaXa
A cidade, epicentro do debate sobre os retos que a dixitalización implica para o ensino universitario a nivel global
udc
1 Apr 2025

A Universidade da Coruña (UDC) inaugurou a International Week A Coruña, un evento dedicado á "Transformación dixital da internacionalización na educación superior". Durante toda a semana, a cidade converterase no epicentro do debate e da aprendizaxe sobre os retos que a dixitalización implica para o ensino universitario a nivel global.

O reitor da UDC, Ricardo Cao, foi o encargado de dar a benvida aos asistentes, destacando a importancia deste evento semipresencial e desexándolles unha "semana internacional produtiva e inspiradora". Nesta edición, participan 60 persoas procedentes de 31 institucións académicas de 20 países distintos, entre eles Albania, Bangladesh, Bosnia-Herzegovina, Bulgaria, Cambodia, República Checa, Estonia, Francia, Xeorxia, Alemaña, Grecia, Lituania, Moldavia, Noruega, Panamá, Polonia, Romanía, Eslovenia, Tunes, Turquía e Ucraína.

A International Week aborda unha ampla gama de temas clave para a internacionalización e dixitalización da educación superior. Entre os contidos destacan as novidades en educación, a planificación e creación de experiencias de aprendizaxe innovadoras, a aprendizaxe internacional colaborativa en liña, e a exploración do programa Erasmus KA2 como exemplo de innovación e cooperación para unha educación dixital inclusiva e sostible.

O evento representa unha oportunidade única para compartir boas prácticas entre universidades de todo o mundo e avanzar cara a un modelo educativo máis conectado, innovador e accesible para todos.

⚙ Configurar cookies
0.039361953735352