A UDC abre o prazo de matrícula dos obradoiros culturais do primeiro trimestre

ACoruñaXa
As persoas interesadas poderán matricularse ata o 30 de setembro
Edificio do Rectorado da Universidade da Coruña
26 sep 2024

A Universidade da Coruña acaba de abrir, ata o vindeiro luns, día 30 de setembro, o prazo de matrícula para poder participar nos obradoiros da Área de Cultura, que terán lugar no Espazo de Intervención Cultural Normal, no Campus da Coruña, e o Centro Cultural Universitario do Campus de Ferrol.

Os membros da comunidade universitaria contarán cunha ampla oferta formativa, que comprende disciplinas como danza, escrita creativa, creación e produción musical, fotografía ou estampación, entre outras propostas.

A matrícula pode facerse de xeito telemático na web da UDC e está aberta tanto para a comunidade universitaria como para o público en xeral. Ademais, o alumnado da UDC participante terá dereito ao recoñecemento de créditos.

As persoas que sexan novas usuarias terán que facer o proceso de rexistro, para o que terán que premer en "comunidade universitaria", para os membros dos diferentes colectivos da UDC, ou en “persoas externas”, para o público xeral.

A Área de Cultura resérvase o dereito de suspender algún curso se a ocupación mínima non chegase a cinco persoas.

Calquera dúbida ou incidencia poderase consultar na dirección de correo electrónico normal@udc.gal ou nos teléfonos 881014502, en quenda de mañá, ou 881014511, en quenda de tarde, para os obradoiros de NORMAL; e para os ofertados en Ferrol, no correo cultura.ferrol@udc.gal e o teléfono 881013697, en quenda de mañá.

0.18352293968201