A Travesía do Xalo celebra quince anos cun regreso ás orixes e unha fin de semana de festa

A Travesía do Xalo chega en 2026 á súa décimo quinta edición convertida nunha das probas máis recoñecibles do calendario galego de carreiras de montaña e sendeirismo. A organización presentou este sábado en Castelo unha convocatoria especial que se desenvolverá o 25 de abril, pero que nesta ocasión se abrirá a toda a fin de semana cunha proposta que mestura deporte, natureza e vida comunitaria.
O acto de presentación, celebrado no Campo da Capela de San Ramón, reuniu representantes institucionais, membros da organización e veciñanza nun ambiente familiar. Serviu tamén para inaugurar a exposición 'Quince anos no monte', unha mostra formada por fotografías e textos que repasan a historia da proba desde o seu nacemento, no ano 2010, ata a actualidade.
Entre as principais novidades desta edición figura a recuperación da carreira curta, unha modalidade ausente nas últimas convocatorias e que volverá cun percorrido de 9,9 quilómetros e 820 metros de desnivel acumulado. A programación deportiva manterá ademais a carreira longa, con 19,5 quilómetros e 2.729 metros de desnivel acumulado, así como a andaina de 9,7 quilómetros e as carreiras infantís adaptadas ás diferentes idades.
A mañá do sábado concentrará o groso da actividade deportiva, coa saída na praza de Casa Rodríguez e a meta na Polideportiva de Castelo. Deste xeito, a Travesía recupera o seu punto de partida tradicional antes da pandemia e reforza a conexión co centro da parroquia. Ao longo dos percorridos haberá distintos puntos de avituallamento e, segundo avanzou a organización, esta edición permitirá descubrir novas zonas do Monte Xalo abertas expresamente para a proba.
Máis alá da competición, a XV Travesía do Xalo quere reivindicar o seu carácter popular. Por primeira vez, a programación festiva estenderase durante toda a fin de semana arredor da Taberna de Castelo, en Casa Rodríguez. O espazo abrirá xa o venres 24 de abril e continuará activo durante o sábado e o domingo, converténdose nun punto de encontro para participantes, acompañantes e veciñanza.
A xornada do sábado completarase cunha tarde e unha noite de música en directo, coa presenza de Mekánika Rolling Band, Juego Sucio e Los Alcántara, ademais da tradicional churrascada, un dos momentos máis identificables da cita. O programa pecharase o domingo cunha sesión vermú amenizada por Misuria, reforzando a idea dunha celebración pensada para vivir máis alá da carreira.
Desde a organización puxeron o foco no valor colectivo da iniciativa. O presidente de Castelo Deporte, Manuel Barros, subliñou que a Travesía é unha proba na que se implica boa parte da parroquia, mentres que tamén se destacou o papel do voluntariado e do tecido veciñal para manter vivo un evento que vai máis alá do deportivo. Na mesma liña, durante a presentación reivindicouse a cita como unha festa do monte e da comunidade.
Pola súa banda, o alcalde de Culleredo, José Ramón Rioboo, enxalzou a capacidade da Travesía para unir deporte, natureza e promoción do territorio. O rexedor salientou que a proba forma parte da identidade local e puxo en valor a colaboración entre administracións e asociacións para sacar adiante iniciativas que contribúen a dinamizar o rural e a poñer en valor o patrimonio natural do municipio.
As inscricións permanecerán abertas ata o 21 de abril a través da plataforma Emesports e a resposta, segundo os datos facilitados pola organización, supera xa as 500 persoas anotadas entre todas as modalidades. A previsión é que a participación volva ser moi elevada nunha edición simbólica para unha proba que, quince anos despois do seu nacemento, mantén intacto o obxectivo co que botou a andar: abrir o Monte Xalo á xente e facelo desde o respecto polo entorno, a convivencia e o orgullo de parroquia.