"A tradición non é algo do pasado, senón que se constrúe no presente", o legado vivo de Garatuxeiros de Curtis

Por Amanda Fernández
Dende a vila de Curtis, o grupo Garatuxeiros mantén viva a música tradicional galega cun compromiso e unha paixón que transcende xeracións. Falamos con Elena Naveira Justo, integrante desta formación, que naceu ao abeiro da Asociación de Mulleres A Carballeira, para coñecer a súa historia e os retos dun grupo que entende a música como resistencia cultural e ponte entre o pasado e o presente.
Cando e como se fundou a asociación?
A asociación formouse ao redor do ano 2012, impulsada por un grupo de mulleres do pobo de Curtis, e foi chamada: Asociación de Mulleres de Curtis A Carballeira, xa que este lugar é un dos máis emblemáticos da vila. Aquí ofertábase a posibilidade de realizar diferentes actividades culturais e de lecer como baile galego, pandeireta, gaita, ou tamén diferentes rutas de sendeirismo.
A día de hoxe, o noso grupo de gaitas non forma parte directamente da asociación, pero xurdiu e consolidouse grazas á oportunidade que nos brindaron para acceder ás clases de música tradicional que organizaban. Foi así como, uns anos máis tarde, arredor do 2016, comezamos a coller forma como grupo estable, mantendo dende entón unha actividade constante.
De onde vén ese nome orixinal de ‘Garatuxeiros’?
O nome de Garatuxeiros foi escollido por tres compañeiros que formaban parte do grupo nos seus inicios: Olalla, Pablo e Joel. Segundo contan, un día estaban na clase e comezaron a indagar en internet na procura dun nome para o grupo. Este termo foi escollido, porque fai referencia ás persoas divertidas e que lles gusta rir e pasalo ben. Esa esencia encaixaba á perfección co espírito do grupo e así quedou.
En que consiste a actividade actual do grupo?
Actualmente asistimos a clases dende setembro ata xuño, onde aprendemos e ensaiamos novos temas. O verán é a nosa tempada forte, xa que se intensifican as actuacións e somos convidados a diferentes eventos e celebracións. É unha época na que se recolle o traballo feito durante o curso.
Cal é o perfil de persoas que forman parte da mesma? Diría que converxen varias xeracións?
Efectivamente somos un grupo interxeracional, con idades comprendidas entre os 14 anos e os 65. Actualmente somos nove integrantes no grupo: seis gaitas, das cales cinco somos mulleres, un tambor, un bombo e un acordeón. Esta diversidade de xeracións é unha das nosas maiores fortalezas, xa que nos permite aprender uns dos outros e manter viva a tradición.

Habitualmente tocan en diversas festas ou eventos, como foi a recente participación na Feira de 1900?
Si, a Feira de 1900 foi o último evento ao que acudimos. É unha cita moi especial para nós, na que levamos participando todos os anos dende que se organiza, e esperamos seguir facéndoo moitos máis, xa que é unha fin de semana moi emocionante na que a vila se enche de xente e volve ás súas orixes.
Por outra parte, participamos principalmente en festas populares, pero en ocasións, tamén acudimos a actos culturais, aniversarios, primeiras comuñóns, vodas e incluso algún enterro.
"Debería existir unha asociación desta índole en todos as vilas, que promova a dinamización social e cultural"
Como é o impacto da asociación na contorna local de Curtis? Consideran que é un lugar idóneo para unha asociación como a vosa?
A Asociación de Mulleres da Carballeira abriunos as portas para comezar a acudir a clases de diferentes instrumentos que nos gustan. De non existir, quen quixera aprender tería que desprazarse ata outros concellos como Betanzos, por exemplo, e non en todos os casos é unha opción. Ademais, permitiunos crear un vínculo con diferentes persoas da vila coas que anteriormente non tiñamos relación, o cal é beneficioso xa que é unha forma de participar socialmente no eido da comunidade e tamén de tecer unha rede de contactos.
Dende o meu punto de vista, debería existir unha asociación desta índole en todos as vilas, que promova a dinamización social e cultural, e que permita á xente aprender, expresar e compartir a través da música.
Como definiría o momento actual que vive Garatuxeiros de Curtis?
Vivimos un momento no que manter un grupo como Garatuxeiros xa é, por si só, unha forma de resistencia. A música tradicional, igual ca outras expresións culturais galegas, non sempre teñen o apoio que merecen, nin a visibilidade que precisan.
Por iso, continuar tocando, ensaiando e estando presentes nos actos da vila é unha maneira de defender quen somos e de manter viva unha identidade que corre o risco de esmorecer.
O grupo segue adiante grazas á vontade das persoas que o integran, que sacrifican tempo e enerxía para que esta parte da nosa cultura non desapareza. E aínda que non sempre é doado, cremos que paga a pena. Porque a tradición non é algo do pasado: é algo que se constrúe e se transmite no presente.
"A música tradicional actúa como un ancoradoiro que nos lembra quen somos e de onde vimos"
Que papel pensas que xoga a música tradicional na sociedade actual?
A música tradicional é moito máis que unha simple herdanza do pasado; é un elemento vivo da nosa identidade cultural, que nos conecta coa nosa historia e co territorio. Nuns tempos tan cambiantes e globalizados, a música tradicional actúa como un ancoradoiro que nos lembra quen somos e de onde vimos. Ademais, é unha forma de expresión que evoluciona e se adapta, podendo estar presente en moitos ámbitos da vida social, cultural e festiva. Por iso, crer nela e mantela viva é tamén unha maneira de fortalecer a comunidade e crear pontes xeracionais.
Hai algunha peza que sexa especial para o grupo? Por que?
A nosa peza favorita é unha chamada Consuelo, Rosario e Pilar, que nos pasou un grupo anterior chamado: Os da Troula, do que formaba parte o noso mestre. Esta canción ten un valor moi especial para nós porque non é só un tema musical, senón un verdadeiro legado que recibimos dunha xeración anterior. Tocámola con moito agarimo e tamén con respecto cara a eles, conscientes de que representamos unha cadea de transmisión cultural que non queremos que se rompa.
Cales son os próximos retos que teñen por diante?
Un dos nosos principais retos é seguir medrando como grupo, tanto a nivel musical como humano. Queremos incorporar novos instrumentos, seguir ampliando o noso repertorio. A curto prazo, plantexámonos fusionar cancións actuais ás que se lle poidan dar un toque tradicional, mantendo sempre a nosa identidade musical. A longo prazo, faríanos moita ilusión a creación dun tema propio ou tamén a posibilidade de colaborar con algún grupo local.