A tradición galega e asturiana cita a Monte Alto nunha xornada de música e foliada

ACoruñaXa
O Alcuentru Trad-Urbán 2026 levará este sábado 21 de marzo obradoiros, charla, espicha e foliada a distintos espazos da Coruña, cun programa que tamén arrinca na noite do venres cunha festa previa.
A CORUÑA alcontru
20 Mar 2026

A música de raíz tomará este sábado Monte Alto cunha xornada pensada para poñer en diálogo dúas tradicións irmás. O Alcuentru Trad-Urbán 2026 chega á Coruña da man da agrupación Son d'aquí, co apoio do Concello, e converterá o barrio nun escaparate da cultura oral e musical de Galicia e Asturias a través de aulas, charla, comida popular e unha foliada aberta á participación do público. O encontro recala na cidade tras edicións anteriores celebradas en Lugo e en Llanes.

A actividade principal desenvolverase o sábado 21 a partir das 10.30 horas. O CEIP Eusebio da Guarda acollerá os primeiros obradoiros ás 11.00 e 12.30 horas, centrados no baile e na pandeireta, mentres que a espicha terá lugar ás 14.00 horas no local de Son d'aquí, na rúa Santo Tomás, 40. Xa pola tarde, o Centro Cívico de Monte Alto será escenario, desde as 17.30 horas, dunha charla arredor dos entroidos, antes do peche festivo da xornada coa foliada nocturna na praza de Indalecio Prieto.

O encontro non só busca ofrecer unha programación lúdica, senón tamén subliñar as semellanzas e particularidades das músicas tradicionais de transmisión oral de ambos territorios desde unha mirada actual. Nesa liña, a parte galega dos obradoiros estará guiada por Xabier Espasandín e Tito Iglesias, vinculados ás Escolas de Son d'aquí, mentres que a representación asturiana correrá a cargo de Rosa Cuervo, Xesús Torga e Raquel Vega Roza.

Como novidade desta edición, a programación comezará xa o venres 20 cunha festa 'pre-alcuentru' ás 21.00 horas no CS Gomes Gaioso. Será o primeiro aperitivo dun sábado no que Monte Alto aspira a reafirmarse como un dos barrios con máis pulso para a cultura de base na cidade, cun evento que mestura formación, convivencia e festa arredor da tradición.

0.12158703804016