A Torre de Hércules recibirá un impulso económico para mellorar a súa contorna e accesibilidade

ACoruñaXa
O Concello da Coruña e a Xunta de Galicia acordaron un investimento conxunto que superará os 1,2 millóns de euros
corunha-torre-herculas
11 Jun 2025

O Concello da Coruña e a Xunta de Galicia selaron un acordo para acometer unha ambiciosa mellora da Torre de Hércules e da súa contorna, cun investimento conxunto que superará os 1,2 millóns de euros. A alcaldesa, Inés Rey, e o director de Turismo de Galicia, Xosé Manuel Merelles, escenificaron o convenio de colaboración aos pés do monumento, acompañados polo concelleiro de Cultura e Turismo, Gonzalo Castro, e a delegada territorial da Xunta, Belén do Campo.

A actuación contempla seis proxectos, cinco deles financiados a través deste acordo entre administracións —cunha achega de 995.000 euros de fondos europeos Next Generation por parte da Xunta e 200.000 euros do Concello— e un sexto proxecto asumido directamente polo goberno local.

“Estamos moi satisfeitos da cooperación entre estas dúas administracións para mellorar un patrimonio, non só da Coruña, senón de todos os galegos e galegas”, destacou Inés Rey. A alcaldesa sinalou tamén que “levaremos a cabo unha mellora substancial da Torre de Hércules e da súa contorna; apostaremos pola posta en valor e a renovación do faro para facelo máis accesible e adaptado ao tempo actual”.

As intervencións previstas incluirán melloras de accesibilidade e reparacións estruturais na área arqueolóxica, incluíndo unha nova rampla de acceso; a primeira escavación do perímetro da base da torre dende 1992; a restauración das salas Giannini, da terraza superior e do Edículo; a renovación da iluminación ornamental da Torre con criterios de eficiencia enerxética; e a recuperación dos sendeiros do Espazo Natural de Interese Local.

“O obxectivo é, polo tanto, rematar os traballos iniciados o século pasado e consolidar estas estruturas arqueolóxicas para que o xacemento sexa máis comprensible”, apuntou Rey sobre a escavación do perímetro da base. Respecto á contorna natural, a alcaldesa destacou que “esta contorna conta cun importante valor ecolóxico grazas á súa abundante biodiversidade, e grazas a esta actuación poderemos preservala á vez que adaptamos os camiños para seren máis accesibles”.

O Concello, ademais, prevé licitar este ano a restauración de dúas cámaras situadas na planta baixa do faro, as únicas con acceso exterior. Estas portas, obra do escultor galego Francisco Leiro, completarán a serie de melloras nun dos símbolos máis recoñecibles do patrimonio galego e europeo. As obras comezarán este ano e terán continuidade ata 2026.

⚙ Configurar cookies
0.17794895172119