A Torre de Hércules inaugura unha nova intervención de arte xenerativa de Mathieu Le Sourd

ACoruñaXa
A obra ‘Everything flows, nothing dies’ poderá visitarse ata o 31 de agosto e reflexiona sobre a natureza e a luz do faro como guía
Everything-flows,-nothing-dies-Torre-de-Hercules-A-Coruña
15 Jul 2025

A Torre de Hércules acolleu o acto de apertura dunha nova intervención de arte xenerativa titulada ‘Everything flows, nothing dies’, do artista francés Mathieu Le Sourd, coñecido como MAOTIK, que estará dispoñible ao público ata o 31 de agosto.

Esta mostra afonda na relación entre a funcionalidade da luz do faro como guía e a súa capacidade expresiva na arte contemporánea, ao tempo que convida a reflexionar sobre a condición cambiante da natureza.

O concelleiro de Cultura e Turismo, Gonzalo Castro, participou no acto inaugural, no que salientou “a capacidade da Torre para acoller exposicións innovadoras como esta” e subliñou “a vontade do Goberno de Inés Rey por ofrecer novas experiencias ás persoas visitantes deste monumento declarado Patrimonio Mundial”. A apertura contou ademais cun espectáculo de danza contemporánea xunto ao monumento, protagonizado polas artistas Marta e Remedios Cuba, acompañadas da música en directo de Miguel Alonso Cambrón.

A instalación, comisariada por Hito Cultura & Tecnoloxía, está composta por catro pantallas situadas nos diferentes andares da Torre, onde se proxectan paisaxes algorítmicas creadas a partir de datos do movemento do mar e das correntes do aire. Este espectáculo visual compleméntase con audios que evocan o son do océano, xerando unha experiencia inmersiva para as persoas visitantes e unha invitación á reflexión sobre os ciclos da vida e a relación do ser humano coa natureza. En palabras do artista, ‘Everything flows, nothing dies’ é “un recordatorio de que, aínda que as formas e os estados poidan cambiar, a esencia permanece”.

Tradición e vangarda entrelázanse nesta proposta expositiva. O faro romano máis antigo do mundo, vencellado historicamente ao uso da luz como guía nunha construción milenaria, adquire aquí un novo papel como elemento expresivo dentro das artes dixitais, unha disciplina en auxe a nivel global.

⚙ Configurar cookies
0.15099692344666