A Torre de Hércules estrea este martes unha mostra artística de MAOTIK

ACoruñaXa
Esta obra está dentro da programación cultural polo 16º aniversario da Torre como Patrimonio Mundial
Imaxe da Torre de Hércules
14 Jul 2025

A Torre de Hércules acollerá unha nova intervención de arte xenerativa titulada “Everything flows, nothing dies”, do artista francés Mathieu Le Sourd, coñecido como MAOTIK. A obra, que poderá visitarse do 15 de xullo ao 31 de agosto, afonda na relación entre a funcionalidade da luz do faro como guía e a súa capacidade expresiva dentro da arte contemporánea, ao tempo que reflexiona sobre a condición cambiante da natureza.

“O Goberno de Inés Rey continúa dinamizando o noso gran monumento, onde tamén teñen cabida as exposicións e iniciativas efémeras, engadindo valor a todo o que xa ofrece”, indicou Gonzalo Castro, concelleiro de Cultura e Turismo.

A proposta, comisariada por Hito Cultura & Tecnoloxía, presentarase o martes 15 de xullo, ás 12:00 horas, nun acto que contará cun espectáculo de danza contemporánea ao pé do monumento, a cargo das artistas Marta e Remedios Cuba, coa música en directo de Miguel Alonso Cambrón.

A instalación está composta por catro pantallas situadas nos andares da Torre, nas que se proxectarán paisaxes algorítmicas xeradas a partir de datos do movemento do mar e das correntes do aire. O espectáculo visual estará acompañado de audios que evocan o son do océano, creando así unha experiencia inmersiva para as persoas visitantes, e unha invitación á reflexión sobre os ciclos da vida e a relación do ser humano coa natureza.

En palabras do artista, Everything flows, nothing dies é “un recordatorio de que, aínda que as formas e os estados poden mudar, a esencia permanece”. Tradición e vangarda fúndense nesta proposta expositiva. O faro romano máis antigo do mundo, vencellado historicamente ao uso da luz como guía, adquire agora un papel expresivo dentro das artes dixitais, disciplinas en pleno auxe a nivel global.

Sobre o artista

MAOTIK é un artista dixital de orixe francesa especializado na creación de espazos inmersivos, instalacións interactivas e performances audiovisuais, nas que conflúen arte, ciencia e tecnoloxía. Formado no ámbito dos medios e das artes dixitais no London College of Communication e na Universitat Pompeu Fabra de Barcelona, emprega software desenvolvido á medida para transformar a percepción da realidade en tempo real.

O seu enfoque da arte xenerativa caracterízase polo movemento fluído das imaxes e a súa integración en contornas inmersivas. A súa obra inspírase na natureza, da que abstrae a esencia a través de esculturas audiovisuais baseadas na aleatoriedade, creando así experiencias únicas en cada ocasión.

O seu traballo foi presentado en festivais e institucións de todo o mundo, entre eles: Mutek, Sónar, Oi Futuro (Río de Janeiro), Art Basel, Frieze London, FIAC Paris, Signal Festival (Praga), British Film Institute (Londres), ARS Electronica (Linz), Miraikan Science Museum (Toquio), B39 (Seúl), Funkhaus (Berlín), La Biennale di Venezia, Fundación Serralves, W1 Curates, CCCB e Philharmonie (París).

A súa instalación Everything flows, nothing dies (2024) foi exhibida no certame Contemporary Istanbul.

⚙ Configurar cookies
0.16719388961792