A Torre de Hércules entra en obras para gañar accesibilidade e protexer o xacemento

ACoruñaXa
O Concello iniciará o luns 16 a primeira fase do plan de melloras no faro, cunha actuación centrada na rampla e na viga perimetral que obrigará a suspender temporalmente a venda de entradas individuais, aínda que se manterán as reservas xa confirmadas
1024px-Torre_de_Hércules_-_DivesGallaecia2012-62
Fotografía de Luis Miguel Bugallo Sánchez a través de www.wikimedia.org
13 Mar 2026

A Torre de Hércules iniciará o luns 16 a primeira fase das obras previstas no monumento e na súa contorna, cunha actuación centrada na desmontaxe da rampla actual e nos traballos sobre a viga perimetral que rodea a base do faro. Esta intervención servirá como paso previo a unha actuación de maior alcance na zona arqueolóxica, coa que o Concello busca mellorar a accesibilidade e adecuar o percorrido de visita.

O plan forma parte dun paquete de melloras cun investimento global de máis de 1,2 millóns de euros. A maior parte do importe, 995.000 euros, procede de fondos Next Generation canalizados a través de Turismo de Galicia, mentres que o Concello da Coruña asume ademais unha achega municipal de máis de 200.000 euros para completar as actuacións previstas na Torre e na súa contorna.

Ademais dos traballos na base do monumento, o programa inclúe a renovación da sala Giannini, melloras na terraza superior e no edículo, nova iluminación ornamental e o acondicionamento dos sendeiros do ENIL da Torre. A Torre, declarada Patrimonio Mundial, seguirá atendendo unicamente as reservas xa confirmadas mentres duren estas primeiras actuacións, e desde o luns deixarán de venderse entradas individuais.

0.11149287223816