A Torre de Hércules celebra o seu 16º aniversario como Patrimonio Mundial con diversas actividades

ACoruñaXa
Entre o 15 de xullo e o 31 de agosto, o interior da Torre acollerá a proposta artística Everything Flows, Nothing Dies
Torre de Hércules
28 Jun 2025

A Coruña conmemorou este venres 27 de xuño, o 16º aniversario da declaración da Torre de Hércules como Patrimonio Mundial pola UNESCO cunha ampla programación cultural impulsada polo Goberno de Inés Rey. A proposta busca reforzar o vínculo da cidade co seu pasado histórico e poñer en valor o emblemático faro romano.

A celebración comezou de madrugada, coa iluminación en azul da Torre, o faro romano máis antigo do mundo en funcionamento, dando paso a unha fin de semana cargada de actividades na súa contorna. Un dos pratos fortes da programación foia recreación histórica dos mundos civil e militar romanos, unha actividade coñecida como Ave Crunia, organizada polas asociacións culturais Gallaecia Viva e Royal Green Jackets.

Este sábado 28, entre as 11.30 e as 21.o0 horas, un total de 32 recreacionistas de Gallaecia Viva mostrarán ao público diferentes aspectos da vida cotiá romana a través de xogos, obradoiros e mesmo unha loita de gladiadores.

Pola súa parte, a Royal Green Jackets instalará un campamento militar romano, onde lexionarios realizarán roldas e organizarán actividades dinámicas para os máis pequenos. Ademais, tamén levarán a cabo recreacións do Século de Ouro. Esta asociación actuará o sábado no mesmo horario que Gallaecia Viva, e o domingo pola mañá a partir das 11:30 horas.

A programación incluirá tamén teatro ao pé do faro. A compañía Noite Bohemia ofrecerá o sábado un roteiro escénico pola contorna da Torre a partir das 18.00 horas, facendo un percorrido desde a época romana ata a súa inclusión como Patrimonio Mundial no século XXI. A xornada pecharase ás 21.00 horas na rotonda de Breogán coa representación de Electra, de Sófocles. Tamén o sábado, Corzo Producciones levará ás escaleiras da Torre unha posta en escena de Anfitrión, de Plauto, ás 17.00 horas.

A conmemoración estenderase máis alá do mes de xuño. Entre o 15 de xullo e o 31 de agosto, o interior da Torre acollerá a proposta artística Everything Flows, Nothing Dies, do creador dixital Maotik, comisariada por Hito Cultura e Tecnoloxía. Esta intervención baseada na luz e na intelixencia artificial procurará “reafirmar o emblema da cidade como espazo patrimonio de vangarda”.

A performance contará con pantallas que xogarán coa luz como elemento inmutable dentro dun mundo hiperconectado, inspirándose no dinamismo do océano Atlántico para crear imaxes autoxenerativas mediante IA.

⚙ Configurar cookies
0.20073580741882