A Torre de Celas convértese este sábado nun escenario de foliada solidaria a prol de 'Equipo Nómada'

Música tradicional e compromiso social daranse a man este sábado, 28 de febreiro, no parque da Torre de Celas, onde terá lugar unha gran 'foliada' solidaria a partir das 18.00 horas. A iniciativa está organizada polas asociacións O Cruceiro e As Berenguelas, coa colaboración do Concello de Culleredo e da comunidade de montes Xalo, co obxectivo de recadar fondos para a ONG sociosanitaria 'Equipo Nómada'.
O cartel reunirá formacións moi coñecidas da escena tradicional galega. Está prevista a participación de Ancoradoira, Xacarandaina, Larpeiros de Altamira, As Mariñas de Cambre, Son da Terriña, O Rueiro de Tabeaio, Xilbatuxeiros e Fonte do Souto, nunha xornada pensada para atraer familias e público de todas as idades. A organización subliña que a implicación dos grupos é totalmente desinteresada e agradece a súa dispoñibilidade para facer posible o evento.
Ademais das actuacións, o recinto contará con servizo de comida e bebida. Todo o recadado, tanto a través das consumicións como mediante doazóns directas, destinarase aos proxectos de 'Equipo Nómada', que desenvolve accións de atención sociosanitaria en distintos puntos do mundo, con traballos actualmente en África e na Arxentina. Na súa web, a entidade preséntase como un equipo multidisciplinar de profesionais da saúde centrado en pequenas intervencións para mellorar o benestar de persoas en risco de exclusión.
A cita celebrarase nun espazo especialmente recoñecible do municipio: o parque que rodea a Torre de Celas, aos pés do Monte Xalo e moi próximo ao inicio da ruta fluvial do Rego das Xesteiras.
Para quen non poida achegarse pero queira colaborar, a ONG habilitou unha 'Fila Cero' a través de Bizum no número 613 024 770.