A Tia Carroll Band abre este martes o Festival Internacional +QJazz na praza de Azcárraga da Coruña

ACoruñaXa
A artista californiana, integrante do Salón da Fama do Blues, actuará na Cidade Vella, acompañada pola súa banda
Imaxe da Tia Carroll Band
1 Xul 2024

A Coruña acolle desde este martes 2 de xullo unha nova edición do Festival Internacional +QJazz, unha proposta cultural na que o Concello colabora estreitamente coas principais salas de música en directo da cidade na posta en marcha dunha programación que inclúe ata seis concertos de prestixiosos artistas e agrupacións da escena jazzística mundial, nacional e galega.

A encargada de abrir o calendario de concertos do festival será Tia Carroll, toda unha integrante do Salón da Fama do Blues, cunha actuación aberta ao público, con acceso de balde, que terá lugar na praza de Azcárraga a partir das 21.00 horas.

A reputada artista californiana, unha das grandes voces do blues e o soul na actualidade, medrou escoitando a figuras como Tina Turner ou Stevie Wonder para, xa sobre as táboas, traballar a carón de lendas como Ray Charles. Carroll, que días atrás amosou a súa emoción pola súa volta a España e describiu esta experiencia como algo “marabilloso e espectacular”, convidou á cidadanía a asistir e gozar da actuación prevista este martes na Cidade Vella.

A volta do Festival Internacional +QJazz forma parte da ampla programación cultural promovida polo Goberno de Inés Rey nesta tempada estival, con eventos previstos en todos os barrios.

Christian McBride pechará o festival o día 9, no Teatro Colón

Xa este mércores 3, tras o concerto inaugural da Tia Carroll Band, será a quenda de Verónica Ferreiro e Javier Sánchez, dous músicos que se adentran nunha mestura de jazz, folk e música clásica. Ferreiro, coruñesa residente en Madrid, presentará o seu novo traballo ‘Camiño’. A actuación terá lugar no Jazz Filloa, en dúas sesións (21.45 e 23.00 horas).

A programación do +QJazz continuará o 4 de xullo na Sala Mardi Gras (21.30 horas), coa actuación da Joe Lastie’s New Orleans Sound. Lastie, criado nunha saga familiar de grandes artistas á batería, acompañou durante a súa traxectoria a Irma Thompson, Allen Toussaint e The Blind Boys of Alabama, entre outros.

O festival seguirá o venres 5 co concerto do James Carter Organ Trio no Garufa Club (22.00 horas), onde tamén terá lugar a actuación de Los Hot Chocolates, xa o sábado 6 (22.30 horas).

O prato forte do festival será o Christian McBride Quintet, que actuará no Teatro Colón o martes 9 de xullo, ás 21.00 horas, na xornada de clausura. McBride, baixista, compositor e director de banda, gañador de oito premios Grammy, estará acompañado na Coruña de catro talentos emerxentes: a saxofonista Nicole Glover, a guitarrista Ely Perlman, o pianista Mike King e a baterista Savannah Harris.

As entradas da nova edición do Festival Internacional +QJazz xa están á venda. No caso do concerto previsto no Teatro Colón, a través da páxina web de Ataquilla e no despacho de billetes do quiosco da praza de Ourense. Tamén se poden adquirir os pases para as actuacións que terán lugar no Garufa Club, Jazz Filloa e Sala Mardi Gras. A información completa, nesta ligazón.

0.098528861999512