A taxa turística do Concello da Coruña entrará en vigor en setembro, agás para o tráfico de cruceiros

ACoruñaXa
O Pleno tamén aprobou o convenio urbanístico mixto para a rexeneración da fachada marítima no núcleo das Xubias
pleno-corunha-xullo
31 Jul 2025

O Pleno municipal da Coruña aprobou definitivamente a ordenanza fiscal que regula a taxa municipal sobre o imposto autonómico das estadías turísticas, que se prevé entrar en vigor no mes de setembro, agás o tráfico de cruceiros, que quedará exento este ano ao ter a tempada orzamentaria xa pechada.

José Manuel Lage, concelleiro de Economía e Planificación Estratéxica e voceiro do Goberno local, explicou que esta taxa foi deseñada para axudar a afrontar o incremento dos custes na prestación de servizos públicos, motivados en parte polo aumento de viaxeiros e estadías turísticas na cidade nos últimos anos.

A Coruña aplicará unha taxa que oscilará entre 1,5 e 2,5 euros segundo o tipo de establecemento e só ata un máximo de cinco días de estadía. Ademais, haberá exencións para menores de idade, deportistas que veñen á cidade por competicións deportivas e para cidadáns coruñeses que, por causas de forza maior como obras nos seus domicilios, se vexan na obriga de aloxarse en establecementos hoteleiros.

Lage destacou que “con esta taxa aspiramos a conseguir un turismo sostible e de calidade. É unha ordenanza xusta, que contribuirá a ordenar o turismo e que, entre todos, tamén entre os que visitan a cidade, se sufraguen os moitos servizos que presta o Concello e para os que son necesarios recursos”. O voceiro do Goberno estimou que a taxa poderá xerar ingresos anuais próximos aos 2,5 millóns de euros, que se reinvertirán en melloras para a cidade.

Outros acordos do Pleno: rexeneración das Xubias e creación de novas zonas verdes

O Pleno tamén aprobou o convenio urbanístico mixto para a rexeneración da fachada marítima no núcleo das Xubias, que permitirá avanzar na recuperación do bordo litoral da cidade, respectando o patrimonio e singularidade da zona. O proxecto contará coa colaboración do prestixioso arquitecto internacional David Chipperfield.

Segundo José Manuel Lage, “con este acordo gañamos todos, porque se reduce a edificabilidade prevista no PXOM do 2013 e porque se mellora a calidade urbana nun núcleo que estivo moito tempo á marxe dos grandes investimentos”.

Tamén se aprobou o convenio para avanzar na creación do parque do Observatorio na Agra do Orzán, unha zona que gañará máis de 3.000 metros cadrados de área verde e espazos públicos. O acordo contempla a apertura dun novo acceso peonil e visual ao parque e a posibilidade de construír un aparcadoiro subterráneo público, clave nun barrio con dificultades de aparcamento.

Modificación puntual do PXOM en Xuxán e actualización da ordenanza do lixo

O Pleno deu luz verde inicialmente á modificación do Plan Xeral na zona de Xuxán, necesaria para continuar as obras de mellora na avenida Alfonso Molina, e que permitirá tamén a elevación do parque de vivenda protexida pública.

Ademais, aprobouse inicialmente a actualización da ordenanza fiscal da recollida de lixo, que adapta o sistema ás esixencias da Unión Europea para repercutir o custo do servizo ao usuario. José Manuel Lage destacou que A Coruña seguirá a ser a cidade galega coa tarifa máis baixa, cun novo modelo que establece unha cota fixa e unha variable segundo o consumo de auga e a dificultade das rutas de recollida.

Con esta actualización, a media anual que pagará un fogar coruñés estará arredor dos 90 euros en 2027, moi por debaixo doutras cidades da área metropolitana e do resto de Galicia.

⚙ Configurar cookies
0.21227407455444