O Concello da Coruña e o Goberno estatal solicitan á Xunta que interveña no conflito de Galivivienda en Xuxán

O Concello da Coruña e a Subdelegación do Goberno mantiveron onte unha reunión con representantes dos cooperativistas implicados no proxecto de vivendas de alugueiro social impulsado no barrio de Xuxán. No encontro, os afectados trasladaron a súa inquietude polos recentes cambios comunicados pola cooperativa Galivivienda Sociedade Cooperativa, adxudicataria das parcelas de titularidade autonómica, e pola súa xestora, Gesvieco.
Segundo explicaron, a finais de xuño celebrouse unha asemblea na que se introduciron modificacións nas condicións de acceso ás vivendas sen a participación de todos os cooperativistas. Estes cambios, afirman, poderían dificultar o acceso a unha vivenda a prezo asumible, obxectivo co que naceu o proxecto.
O concelleiro de Urbanismo, Francisco Díaz Gallego, mostrou o apoio do Goberno municipal ás persoas afectadas e anunciou que se remitiu unha carta á conselleira de Vivenda, María Martínez Allegue, solicitando a súa intermediación para facilitar unha solución que respecte o espírito inicial do proxecto. Engadiu tamén que, de non ser posible manter as condicións orixinais, o Concello considera viable estudar outras vías, como a resolución do contrato de cesión e a posibilidade de iniciar un novo procedemento, incluíndo a promoción directa por parte da administración autonómica.
Pola súa parte, a subdelegada do Goberno na Coruña, María Rivas, comprometeuse a trasladar estas preocupacións ao Ministerio de Vivenda e Axenda Urbana. Rivas lembrou que a interlocución co colectivo cooperativista vén sendo constante, como demostran as reunións mantidas en maio co director xeral de Vivenda e Solo, Francisco Javier Martín Ramiro, e en xuño co delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco.
Tanto o Concello como a Subdelegación expresaron a súa vontade de colaborar coa Xunta de Galicia e coas entidades implicadas para avanzar nunha solución dialogada que permita garantir a continuidade do proxecto e a protección das persoas cooperativistas.