A subdelegada do Goberno na Coruña anima ás ANPAs a participar no Plan Director

ACoruñaXa
A subdelegada recolleu as suxestións e necesidades das ANPAs, co obxectivo de establecer os mecanismos adecuados para facilitar a súa participación nas actividades
Subdelegada-do-Goberno-na-Coruña-coas-ANPAs
23 Jan 2025

A subdelegada do Goberno na Coruña, María Rivas, invitou ás asociacións de nais e pais (ANPAs) dos centros educativos da provincia a participar no Plan Director para a convivencia e mellora da seguridade nos centros educativos e arredores, un proxecto promovido pola Delegación do Goberno xunto ás forzas e corpos de seguridade do Estado.

A convocatoria tivo lugar durante unha videoconferencia na que participaron 86 ANPAs da provincia, na que Rivas subliñou que a colaboración das familias é esencial para que o Plan de Convivencia chegue a toda a comunidade educativa e se poidan desenvolver as actividades de forma exitosa.

Na videoconferencia tamén estiveron presentes Xosé Lois García Carballido, director da área de Alta Inspección de Educación; Manuela Vilaboy, xefa da Unidade Contra a Violencia sobre a Muller da Subdelegación; e representantes da Policía Nacional, Garda Civil e da Inspección de Educación da Xunta.

RECOLLIDA DE NECESIDADES DAS ANPAS

Durante o encontro, a subdelegada recolleu as suxestións e necesidades das ANPAs, co obxectivo de establecer os mecanismos adecuados para facilitar a súa participación nas actividades do plan, mellorando así a súa eficacia.

María Rivas resaltou que o principal obxectivo do plan é lograr a implicación das familias nas actividades, xa que a súa participación reforza o traballo realizado nas escolas en temas como o ciberacoso, o uso seguro das tecnoloxías, a violencia de calquera tipo, a protección de datos e as adicións aos xogos ou á tecnoloxía, entre outros.

A subdelegada tamén destacou que durante o curso pasado un total de 47.481 persoas participaron nas actividades do Plan de Convivencia de Educación na provincia, un incremento do 10% respecto ao ano anterior.

Neste sentido, subliñou que o número de nais e pais participantes pasou de 846 no curso 2022/2023 a 1.212 no pasado curso. "A nosa meta é que esta cifra continúe medrando, xa que canto máis formados esteamos, mellor preparados estaremos para afrontar os retos que presentan os mozos e mozas da nosa sociedade", asegurou Rivas.

Finalmente, lembrou que desde o ano pasado as ANPAs teñen a opción de solicitar directamente as actividades do plan, nas que se proporcionan ás familias as ferramentas necesarias para que os mozos estean mellor preparados e protexidos fronte a diversas ameazas.

A subdelegada animou ás ANPAs a dar o paso e solicitar estas formacións, co fin de seguir avanzando na protección e educación da xente nova.

0.16722798347473