A subdelegada do Goberno, María Rivas, destaca o labor da Fundación Secretariado Xitano

ACoruñaXa
Especial fincapé no facer na defensa da igualdade das mulleres xitanas no marco dos actos do 8M
maria-rivas-
10 Mar 2025

A subdelegada do Goberno na Coruña, María Rivas, puxo en valor o labor da Fundación Secretariado Xitano na defensa da igualdade das mulleres xitanas. Fíxoo durante unha visita ás oficinas da fundación na Coruña, na que estivo acompañada pola directora territorial en Galicia, Eva Vera, a coordinadora da entidade na Coruña, Maite Serra, e a xefa da Unidade Contra a Violencia sobre a Muller da Subdelegación do Goberno, Manuela Vilaboy. O encontro enmárcase dentro dos actos con motivo do 8M, Día Internacional da Muller.

Durante a visita, Rivas coñeceu de primeira man o traballo que realizan as 13 persoas que forman parte deste centro, un dos tres que a fundación ten na provincia, xunto cos de Santiago e Ferrol. Segundo destacou, os programas que desenvolven xa atenderon a máis de 2.500 persoas en Galicia, contando co apoio do Goberno a través do Ministerio de Dereitos Sociais, Consumo e Axenda 2030 e dos fondos do Plan de Recuperación.

A subdelegada mostrou especial interese polo Programa Calí, que busca promover a igualdade das mulleres xitanas e que xa vai pola súa terceira edición. “É un programa destinado ao empoderamento destas mulleres mediante a adquisición de competencias que as axuden no seu desenvolvemento persoal, as preparen para a inserción laboral e fomenten a súa participación activa na sociedade”, explicou Rivas.

En 2023, este programa permitiu atender a 116 mulleres en Galicia a través de itinerarios personalizados, ademais de abordar 35 casos de discriminación e realizar 29 sesións de sensibilización sobre conciliación, igualdade de xénero, prevención da violencia machista e igualdade de trato. “O obxectivo destas accións é impulsar a igualdade de xénero entre homes e mulleres e, ao mesmo tempo, romper as barreiras culturais e sociais que afectan ás mulleres xitanas, facilitando a súa inclusión sociolaboral”, subliñou a subdelegada.

Así mesmo, destacou a importancia de asistir ás mulleres xitanas que sofren violencia de xénero, garantindo o seu acceso aos recursos especializados. “A Subdelegación do Goberno ofrece servizos específicos, ademais dos programas financiados polo Goberno a través do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero, que na súa última actualización inclúe medidas concretas para este colectivo”, indicou Rivas.

⚙ Configurar cookies
0.33801198005676