A subdelegada do Goberno invitou a toda a cidadanía a sumarse á programación do 25N
A subdelegada do Goberno na Coruña, María Rivas, invitou a toda a cidadanía da provincia a sumarse á programación deseñada pola Subdelegación do Goberno con motivo do 25N e que cualificou como a “máis ambiciosa e extensa” das organizadas por esta institución ao redor do Día Internacional contra a Violencia sobre as Mulleres.
A presentación tivo lugar na sede da Subdelegación, con motivo do inicio dos talleres 'Regueifando en Igualdade', unhas das accións deste programa destinado a promover a igualdade entre os mozos e mozas de distintos centros de Educación Secundaria da provincia mediante o uso da regueifa.
Estes talleres desenvolveranse en tres centros escolares da provincia: o 15 de outubro, no IES ‘Fernando Blanco’ de Cee; o 16 de outubro, no IES ‘Adormideras’ da Coruña; e o 24 de outubro no IES ‘Punta Candieria’ de Cedeira. A actividade será dirixida pola regueifeira Lupe Blanco, quen improvisou durante a presentación unha regueifa.
Precisamente, escolleu como leiv motiv do seu canto a conmemoración do Día Internacional da Nena, que ce celebra o 11 de outubro. Xunto a ela, tamén asistiron a alcaldesa de Cee, Margot Lamela; o alcalde de Cedeira, Pablo Moreda, e a concelleira de Igualdade da Coruña, Nereida Canosa. Tamén participaron representantes das direccións dos tres centros educativos participantes.
A subdelegada estivo acompañada pola xefa da Unidade de Violencia sobre a Muller da Coruña, Manuela Vilaboy. María Rivas remarcou que loita a contra a violencia machista e a promoción da igualdade son tarefas prioritarias para a Subdelegación, que “se estenden 365 días ao ano”, e enmarcou esta programación neste compromiso diario cara a eliminación da violencia contra as mulleres.
A subdelegada insistiu en que todas estas actividades pretenden contribuír á visibilizar as múltiples formas de violencia contra as mulleres, as nenas e os nenos así como proporcionar ferramentas para a reflexión e o debate arredor da percepción que como sociedade temos da mesma, “nun momento no que os discursos negacionistas e os bulos están facendo posible a percepción dun certo retroceso que como sociedade non nos podemos permitir”.