A Subdelegada do Goberno fai balance do Plan de Recuperación na provincia da Coruña

A subdelegada do Goberno na Coruña, María Rivas, salientou a transformación social e económica da provincia a través do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia (PRTR) do Goberno, “que mellora a vida de máis dun millón de coruñeses e coruñesas, de todos e cada un dos concellos, parroquias e lugares do noso territorio”. María Rivas fixo balance dos catro anos que leva posto en marcha o Plan de Recuperación na provincia, un mecanismo impulsado polo Goberno de Pedro Sánchez co propio presidente á cabeza e que axudou a paliar os efectos económicos derivados da crise sanitaria da COVID, comezada no 2020.
María Rivas deu conta dos investimentos do Goberno no territorio, destacando que “está a cumprir coa Coruña” e cos propios obxectivos do plan, cando este foi ideado. Por outra banda, estes beneficios certifican que a cidadanía coruñesa soubo aproveitar a oportunidade que lle brindou o Goberno para saír reforzada da crise froito da pandemia e consolidar un país que, catro anos despois, avanza con paso firme na cohesión territorial e social, é máis sostible, máis dixital e ten unha economía máis competitiva. “Non hai dúbida da pegada do plan cando A Coruña, toda Galicia e toda España encaraban unha situación tan extrema como a da pandemia e souberon deixala atrás avanzando cara un dos mellores momentos da súa economía en décadas”.
Melloras sociais, económicas e nas infraestruturas
A provincia da Coruña veu como os fondos do Plan de Recuperación aterraban no seu territorio pivotando sobre tres piares fundamentais, como son as políticas sociais, as de impulso ás empresas e ao tecido produtivo e, en beneficio tanto da cidadanía como dos sectores económicos, nas infraestruturas.
No primeiro destes eidos cómpre sinalar a aposta do Goberno polo acceso á vivenda das e dos coruñeses. “Coas accións dentro deste apartado, o Goberno impulsa un país máis xusto, pleno de oportunidades para toda a sociedade sen excepción e máis cohesionado territorialmente”, apuntou María Rivas, quen detallou os investimentos executados nesta área. En materia de vivenda, o Goberno leva investidos 40 millóns de euros en rehabilitación e construción, “traballando pola solución que permita solucionar a crise de habitabilidade”. Do mesmo xeito, o Goberno investiu máis de 50 millóns para estender a banda ancha de alta velocidade a 71.000 familias en toda a provincia. Non só iso, nesta partida tamén se atopan a ampliación de prazas de FP e educación infantil, as melloras na dependencia e os coidados ou a creación dos Centros de Crisis 24h para as vítimas de violencia sexual. “En definitiva, políticas que sitúan no centro ás e aos coruñeses”.
No relativo ao impulso ás empresas, María Rivas subliñou os proxectos de hidróxeno verde, cun investimento de 215 millóns de euros no total do territorio, o futuro Centro Tecnolóxico de Supercomputación de Galicia, con 47 millóns do Perte Chip; a repotenciación de parques eólicos e das centrais hidroeléctricas, con outros 45 millóns; o impulso á modernización das empresas con 23 millóns do Perte de Descarbonización, ou a dixitalización de 15.900 empresas e autónomos, con 66 millóns de euros do Kit Dixital.
A subdelegada puxo en valor, ademais, as partidas dedicadas ás infraestruturas, onde destacan as derivadas ao impulso do ferrocarril na Coruña. “Así, investimos 250 millóns en mellorar a rede ferroviaria, principalmente o porto exterior da Coruña, e as estacións intermodais das grandes cidades, como Santiago e Coruña”, salientou María Rivas, que tamén incidiu nas humanizacións de travesías urbanas ou autovías, “como a Avenida das Pías, en Ferrol; a travesía en Milladoiro, en Ames; ou a transformación de Alfonso Molina na Coruña”.
“Ao mesmo tempo, poñemos o foco na mellora do saneamento das cidades, como a nova depuradora da Silvouta; na mellora de edificios públicos, que se traducen en máis de 35 millóns para rehabilitar os mercados de Santa Lucía e Monte Alto de Coruña, pavillóns deportivos en Santiago ou o acondicionamento da casa do Concello en Ribeira”, engadiu María Rivas.
Estas políticas van en consonancia co labor do Goberno para acadar “cidades máis amables e pensadas para as persoas”, uns proxectos aos que responden os case 40 millóns do Plan de Recuperación na provincia para proxectos centrados en impulsar a nova mobilidade e a transición verde en municipios de Reto Demográfico, evidenciando a aposta do Goberno polos pequenos concellos do rural”.
Tecendo o futuro da Coruña
Do total de fondos inxectados en Galicia polo Plan de Recuperación, o Goberno de España executou directamente 2.298 millóns de euros (un 53%) mentres que a Xunta recibiu 1.746 millóns en forma de transferencias (un 47%). “Este reparto equilibrado reafirma o compromiso do Goberno coa cogobernanza e o respecto ao reparto competencial na súa execución”, apuntou a subdelegada ao respecto.
María Rivas sinalou a importancia da aposta conxunta das diferentes administracións pola execución dos fondos do Plan de Recuperación, en referencia á Xunta de Galicia, á que reclamou “axilidade na tramitación dos fondos” para poder “tecer o futuro da provincia que todos desexamos”. Esta apelación á cogobernanza segue a liña aberta polo delegado do Goberno, Pedro Blanco, cando apuntou que Galicia non podía permitirse unha execución tan baixa dos fondos do Plan de Recuperación.
Do mesmo xeito que María Rivas apelou á mobilización da Xunta, tamén tivo palabras de agradecemento e felicitación para as alcaldesas e alcaldes das diferentes vilas e cidades coruñesas que se fixeron eco da oportunidade que representan estes fondos do Goberno. “Hai unha Coruña responsable, que si esta aproveitando esta oportunidade histórica para xerar vilas e cidades mellores na busca do benestar social”.
Así mesmo, a subdelegada tamén salientou o papel “determinante e comprometido, igual que no caso dos concellos”, de moitos empresarios e empresarias que viron no aporte do Plan de Recuperación un xeito de achegarse ao futuro e seguir medrando”. Nesta liña, María Rivas puxo de relevancia o importante papel que xoga a colaboración entre as empresas e o Goberno para dar lugar á Coruña do mañá, “un lugar máis próspero, moderno, dixital e xusto, onde as oportunidades chegan a todos os seus recunchos. En definitiva, unha Coruña inspirada e baseada no espírito que moveu ao Goberno e ao seu presidente, Pedro Sánchez, a impulsar este Plan de Recuperación que nestes días cumpre catro anos de progreso e benestar social”.