A Subdelegada do Goberno anuncia un novo préstamo para o Concello de Miño

A subdelegada do Goberno na Coruña, María Rivas, anunciou a concesión dun novo préstamo ao Concello de Miño para afrontar a débeda derivada do coñecido como "Caso Fadesa", un dos episodios máis controvertidos na historia recente do municipio. Segundo afirmou, este préstamo "é un exemplo do compromiso deste Goberno cos concellos, en especial con aqueles que teñen máis dificultades".
Rivas fixo este anuncio xunto co alcalde de Miño, Manuel Vázquez Faraldo, que mostrou o seu agradecemento polo apoio do Goberno na resolución desta situación financeira. O novo préstamo, por valor de un millón de euros, permitirá ao Concello de Miño afrontar as sentencias xudiciais relacionadas coa expropiación de terreos da urbanización Costa Miño, un proceso que se remonta a máis de 20 anos.
A subdelegada subliñou que, grazas ás facilidades de pagamento ofrecidas, o Concello poderá manter os servizos públicos sen comprometer a estabilidade económica alcanzada pola corporación e sen poñer en risco os investimentos en marcha. Neste sentido, tamén sinalou que este préstamo é o cuarto concedido ao municipio polo Ministerio de Facenda, sumando un total de 21,5 millóns de euros en axudas para a resolución da débeda.
María Rivas indicou que o Concello de Miño terá ata o ano 2050 para liquidar este préstamo, o que lle permitirá cumprir tanto coas obrigas legais como co compromiso adquirido cos veciños e veciñas de Miño. "É unha medida necesaria para garantir o benestar da cidadanía e a súa calidade de vida", engadiu.
Con todo, tanto alcalde como delegada son conscientes de que a súa colaboración nesta materia non se quedará aquí. Faraldo avanzou que “nos próximos meses chegarán outras sentenzas sobre unha quincena de fincas que suporán un importe semellante”, algo que “probablemente nos obrigue a volver a recorrer a esta vía de financiamento para non poñer en risco as arcas municipais e poder seguir cumprindo coas nosas obrigas legais sen comprometer investimentos no municipio”.
Ademais, o alcalde suxeriu a María Rivas e ao Goberno central que se estude a posibilidade de condonar débeda aos concellos, no caso de que a comunidade autónoma se opón ao perdón de 4.000 millóns de euros que propón actualmente o Executivo para Galicia. “Se o goberno autonómico se opón a esta condonación, estou convencido de que somos moitos os concellos que estaríamos encantados de que se nos quitase unha parte da nosa débeda”, expresou.
Finalmente, a subdelegada recordou o importante impulso que o Goberno de Pedro Sánchez está a dar aos concellos de toda a provincia a través do Plan de Recuperación. "Só co Plan de Recuperación, o Goberno está a levar investimentos a todos e cada un dos concellos da provincia, permitindo actuacións que doutro xeito non poderían afrontar", concluíu.