A Subdelegación do Goberno analiza novos usos para o antigo aparcadoiro de Aena en Alvedro

ACoruñaXa
Nun encontro abordaron posibles usos da parcela, como unha zona comercial, aparcadoiro e servizos asociados
maria-rivas-culleredo
26 Feb 2025

A subdelegada do Goberno na Coruña, María Rivas, mantivo un encontro de traballo na Subdelegación co alcalde de Culleredo, José Ramón Rioboo; o director do aeroporto de Alvedro, Joan Ibáñez; o xefe da Demarcación de Estradas en Galicia, Ángel González del Río; e a directora da área de Fomento da Delegación do Goberno, Ana Quintairos, para analizar os posibles usos comerciais e de servizos da parcela do antigo aparcadoiro provisional de Aena no aeroporto da Coruña, xunto á N-550.

A subdelegada informou de que estes terreos, de 20.000 metros cadrados, foron habilitados como aparcadoiro provisional para facilitar a construción do actual aparcadoiro do aeroporto coruñés, pero levan sen actividade desde 2010. "Do que se trata é de poder darlles un novo uso e facelo ademais xerando novos servizos e oportunidades de emprego na comarca", indicou Rivas.

No encontro abordáronse os posibles usos da parcela, que incluirían unha zona comercial, un aparcadoiro e servizos asociados. Ademais, tratouse a cuestión dos accesos á parcela, xa que os plans de Aena afectan a un proxecto que o Goberno consensuara co Concello de Culleredo para habilitar sendas peonís na contorna da N-550.

A subdelegada subliñou que o proxecto para devolver a actividade aos terreos do aeroporto "aínda se atopa nunha fase inicial", e que os traballos actuais están centrados en definir as posibles actuacións para garantir os futuros accesos "nas mellores condicións de seguridade, tanto para peóns como para vehículos". Neste senso, destacou o papel da Subdelegación do Goberno na coordinación dos diferentes estudos e accións necesarias para facer realidade este proxecto.

⚙ Configurar cookies
0.19480395317078