A sociedade expresa as súas demandas para o proxecto Coruña Marítima no proceso participativo

O proxecto Coruña Marítima deu un novo paso adiante coa presentación pública das principais conclusións do proceso participativo, que se puxo en marcha co fin de solicitar achegas da sociedade para a transformación dos espazos do porto interior.
O acto, celebrado no espazo Avenida cunha elevada afluencia de público, comezou cunha inauguración institucional na que participaron a alcaldesa da Coruña, Inés Rey; o conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo; a subdelegada do Goberno na Coruña, María Rivas; e o presidente da Autoridade Portuaria da Coruña, Martín Fernández Prado. Nas súas intervencións, destacaron a gran oportunidade que supón para a cidade a integración dos peiraos urbanos, así como a unión das administracións como elemento fundamental para que o proxecto poida saír adiante con éxito. Tamén agradeceron a participación dos coruñeses, que fixeron propostas moi interesantes e innovadoras que serán incorporadas á formulación e desenvolvemento de Coruña Marítima.
A continuación, o director da Autoridade Portuaria da Coruña, Juan Diego Pérez Freire, detallou os resultados do proceso participativo. Lembrou que as Bases Estratéxicas do proxecto foron remitidas a máis de mil entidades da cidade, que se creou unha páxina web específica cun “buzón de suxestións”, ademais de contas oficiais en redes sociais, e que se celebraron cinco talleres temáticos abertos ao diálogo cos cidadáns, nos que máis de sesenta expertos e os propios asistentes achegaron opinións e suxestións acerca das mencionadas Bases Estratéxicas.
Entre os resultados, destaca que preto de 38.000 persoas visualizaron activamente a información sobre o proxecto, e que máis de 150 persoas trasladaron achegas, realizando en total preto de 700 suxestións diferentes. Como conclusións máis significativas, Pérez Freire sinalou que a gran maioría das achegas foron relativas a melloras na mobilidade urbana e as conexións coa área metropolitana, o impulso á mobilidade ciclista e peonil, a creación de zonas e corredores verdes, a potenciación de novas actividades económicas e de innovación, ou a importancia de reforzar as actividades portuarias, especialmente a pesca.
Como resultado deste proceso, indicou que estas suxestións serán incorporadas ás Bases Estratéxicas do proxecto e que serviron para mellorar e reformular os Acordos Estratéxicos aprobados pola comisión Coruña Marítima. Incluso levaron a engadir dous novos acordos, centrados nas infraestruturas verdes e a economía, co que se traballará a partir de agora con 14 Acordos Estratéxicos, divididos en cinco bloques: ámbito portuario, mobilidade, ámbito cidadán, ámbito ambiental e ámbito económico.
Con todo, puxo de manifesto que tanto os especialistas como os colectivos sociais e os cidadáns particulares referendaron nas súas propostas máis do 95 % do contido das Bases e Acordos preexistentes, ao consideralos adecuados ás necesidades do porto e da cidade. As novas Bases e Acordos Estratéxicos, e un resumo do proceso participativo, estarán dispoñibles a partir na web. Ademais, nos próximos días subiranse tamén á web as achegas que realizaron os colectivos e cidadáns mediante o “buzón de suxestións”.
Tras a intervención do director da Autoridade Portuaria da Coruña, o Foro Coruña Marítima continuou coa participación de Teófila Martínez, presidenta da Autoridade Portuaria de Cádiz e de RETE (Asociación para a colaboración entre portos e cidades), e de David Pino, director do Port Vell de Barcelona, que o fixo por videoconferencia. Ambos expuxeron interesantes reflexións sobre diferentes modelos de transformacións portuarias e felicitaron ás institucións coruñesas e aos cidadáns polo proxecto Coruña Marítima. A xornada concluíu cun acto de clausura no que tomaron parte Belén do Campo, delegada territorial da Xunta na Coruña; José Manuel Lage, concelleiro de Economía e Planificación Estratéxica; Pilar Parra, directora corporativa de Portos do Estado; Teófila Martínez, presidenta da Autoridade Portuaria de Cádiz e de RETE, e Martín Fernández Prado, presidente da Autoridade Portuaria da Coruña.
Previamente ao evento cidadán, celebrouse no mesmo espazo Avenida unha reunión da comisión Coruña Marítima, presidida pola alcaldesa da Coruña, Inés Rey, na que están representadas as seis administracións que teñen competencias no ámbito (Concello da Coruña, Xunta de Galicia, Ministerio de Transportes e Mobilidade Sostible, Portos do Estado, ADIF e Autoridade Portuaria da Coruña), ademais dos grupos políticos municipais. Na reunión referendáronse as novas Bases e Acordos Estratéxicos do proxecto, como consecuencia das achegas da sociedade coruñesa no proceso participativo. As Bases aínda poderán ser obxecto de modificacións de carácter técnico. Con todo iso, prevese convocar neste mes de maio o concurso internacional multidisciplinar para definir o Máster Plan que rexerá a transformación dos espazos portuarios e ferroviarios. Este Máster Plan deberá ser propositivo, flexible e innovador, e expoñer unha visión a medio e longo prazo, contemplando distintos escenarios de desenvolvemento.
O BNG DA CORUÑA SINALA ÁS INCOGNITAS DAS VÍAS DE FINANCIAMENTO
O portavoz do BNG no Concello, Francisco Jorquera, abstívose na votación dos Acordos Estratéxicos do Proxecto Coruña Marítima ao considerar que non se deron despexado as incógnitas sobre as vías para o financiamento do proceso de transformación da fronte marítima da cidade.
Jorquera valora como positivas algunhas das achegas incorporadas aos Acordos Estratéxicos -froito da realización de diversos talleres temáticos-. “Parécenos ben que se poña o acento en aspectos de sustentabilidade medioambiental ou no papel que o porto interior debe continuar a xogar vinculado á economía azul, a actividade produtiva que, polas súas características, non pode ser trasladada á dársena exterior”, afirma.