A sexta edición de Noites do Porto abrirá o verán coruñés desde San Xoán e prolongarase quince días

ACoruñaXa
O festival adianta o seu calendario a 2026 para converterse na primeira gran cita musical do verán na cidade, con dúas semanas de directos, novos espazos e máis contidos
A CORUÑA noites no porto
24 Nov 2025

A sexta edición de Noites do Porto xa ten data no calendario e chega con cambios de fondo. O festival coruñés, que desde 2021 converte o porto e distintos recantos urbanos nun gran escenario musical, adianta a súa celebración e, a partir de 2026, pasará a ser o primeiro gran festival de música do verán da Coruña.

O evento iniciarase nos días previos á noite de San Xoán, festa declarada de Interese Turístico Internacional e a celebración máis emblemática da cidade, para acompañar tamén os tradicionais festexos da Noite Meiga. Do 22 de xuño ao 15 de xullo Noites do Porto ofrecerá quince días de programación nos que se manterán as sinais de identidade coas que naceu o proxecto en 2021: coidado pola calidade artística, eclecticismo, propostas singulares e directos únicos tanto na Coruña como no conxunto de Galicia.

Segundo adianta a organización, a sexta edición será a máis ambiciosa ata o de agora. Ademais do cambio de datas para ancorarse ao inicio do verán, o festival contará con dúas semanas completas de concertos e actividades. Incorporaranse novos espazos da cidade, integraranse máis contidos complementarios e ampliaranse as cápsulas de programación, reforzando a idea dun evento que non se limita a un único recinto e que se espalla por salas de concertos, locais de hostalaría e espazos culturais, en estreita complicidade con artistas e creadoras de diferentes disciplinas.

O anuncio destas novidades chega despois do peche da quinta edición, na que Noites do Porto celebrou nove xornadas con 21 artistas e 15 espazos da cidade, estreou colaboracións gastronómicas con Os Tigres e Rosmón Burger, puxo en marcha a cápsula Noites coa Arte, impulsou dúas exposicións e organizou mesmo unha presentación sorpresa con sinatura de discos. Un balance que consolidou o festival como unha das propostas culturais máis dinámicas do calendario coruñés.

Froito desta traxectoria, Noites do Porto vén de ser nomeado como Mellor Evento Cultural ou Musical do ano na primeira edición dos Premios da Industria Musical en Galicia promovidos por AGEM, un recoñecemento que avala a aposta pola cultura que o festival vén desenvolvendo na cidade e que agora dá un paso máis co seu salto ao inicio do verán.

⚙ Configurar cookies
0.07093620300293