A Senra acolle o acto de clausura de ‘Bergondo en Feminino’ cunha celebración cultural e artística

ACoruñaXa
A finalidade foi poñer en valor o papel das mulleres na sociedade local a través da cultura, a arte e a memoria
bergondo-fem
26 May 2025

O Concello de Bergondo poñerá o broche final á sexta edición do programa ‘Bergondo en Feminino’ este venres, 30 de maio, cun evento que terá lugar a partir das 18.00 horas na Senra. A iniciativa, impulsada pola concellaría de Servizos Sociais, busca poñer en valor o papel das mulleres na sociedade local a través da cultura, a arte e a memoria.

Nesta edición, o programa ampliou a súa pegada, dirixíndose non só á veciñanza, senón tamén ao alumnado e profesorado dos centros educativos, ao persoal do propio Concello e ao tecido empresarial, cun claro obxectivo de sensibilización transversal en materia de igualdade.

Baixo o lema ‘Celebra con Bergondo en Feminino’, o acto deste venres reunirá diversas propostas culturais. A compañía Catro Gatos Teatro ofrecerá unha representación escénica, á que seguirá a entrega de premios do I Certame de Foto-Relatos, unha convocatoria creada para dar visibilidade a historias femininas a través da imaxe e a narrativa.

O encontro contará ademais cunha actuación musical do grupo tradicional ‘As Tocadoras do Alpendre’ e un espazo gastronómico para o encontro e a degustación, da man de ‘A Artesa da Moza Crecha’, que achegará sabores tradicionais nun ambiente de convivencia.

O programa ‘Bergondo en Feminino’, recoñecido no ano 2023 pola Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP) e pola Delegación do Goberno contra a Violencia de Xénero como unha boa práctica a nivel estatal, naceu en 2019 co propósito de recuperar a memoria de mulleres bergondesas pioneiras, moitas delas esquecidas, que contribuíron ao avance social do municipio.

Entre as accións destacadas do programa figuran o renomeamento de sete centros sociais con nomes de veciñas ilustres, a realización de rutas biográficas e a creación dun mapa virtual interactivo que recolle as traxectorias de 15 mulleres do concello.

 

⚙ Configurar cookies
0.16915678977966