A Semana Santa de Betanzos: tradición, arte e música no corazón dunha cidade medieval

Por Amanda Fernández
Betanzos vive durante estes días a súa Semana Santa 2025, declarada Festa de Interese Turístico de Galicia. Cales son as súas peculiaridades? Falamos con Francisco Díaz, vicepresidente da Cofradía da Semana Santa de Betanzos.
Como describiría o sentimento co que a comunidade de Betanzos vive a Semana Santa?
A Semana Santa de Betanzos ten longa tradición, posto que Betanzos é unha cidade histórica e xa dende o século XIV temos noticias desta celebración. Co paso dos anos a Semana Santa foi decaendo porque a principios dos anos 80 practicamente só saía unha procesión que era a procesión do santo enterro.
Na década seguinte, xa a finais dos anos 90, o Concello de Betanzos, xunto coas cofradías que quedaban e cos sacerdotes da cidade, decidiron revisar a situación e darlle unha volta. O conxunto da sociedade betanceira sentía que, unha tradición que tiña un peso específico na sociedade, estaba a desaparecer. Déuselle unha volta e foi para ben, logrouse en poucos anos que a Semana Santa de Betanzos revivise e foi declarada de Interese Turístico de Galicia.
Isto fixo e animou a que a sociedade betanceira participara de xeito máis intenso e maioritariamente. Hai agora un sentimento de pertenza como que a semana santa forma parte do acerbo social, cultural e tradicional e relixioso de Betanzos.
Cal é, ao seu xuízo, o momento litúrxico ou procesional máis emotivo ou esperado polos veciños?
Loxicamente os oficios litúrxicos xa per se forman parte do acerbo da tradición católica e a xente fai de seu o participar nas funcións relixiosas. Porén, dentro dos actos litúrxicos en Betanzos hai unha peculiaridade. O Concello de Betanzos é patrono do convento das Madres Agostiñas de Betanzos. Xa antes de que as Agustinas viñeran a Betanzos no Século XVII anteriormente, onde están elas ubicadas, estaba o Real Hospital da Anunciata e hai datos de que no século XIV o Concello de Betanzos participaba dos oficios do Real Hospital da Anunciata.
Esa tradición non se perdeu nunca posto que despois do hospital pasou a ser convento agustino e a tradición mantívose. Acode a corporación municipal aos oficios de xoves e de venres santo. O alcalde ou alcaldesa da cidade gardan custodia como patrono da Fundación ata o día seguinte, leva a chave pendurada do pescozo ata o Concello e, o día seguinte, venres, nun momento da celebración o sacerdote demanda a chave do sagrario para trasladala ao altar.

Como se prepara a Cofradía para esta celebración?
Son moitas pequenas cousas que fan todo. A Semana Santa de Betanzos, a parte dos actos relixiosos das procesións, tamén ten un ciclo de música sacra. Estamos no oitavo ciclo de música sacra que lle dá un carácter especial á Semana Santa por ser un ciclo que se celebra en paralelo, de gran calidade. Soemos realizar un pregón de Semana Santa que é o pistoletazo de saída, ese día sempre hai un concerto de música sacra. O domingo de Ramos tivemos a procesión da Borriquita e sempre acompañados de bandas de música.
Tamén temos unhas procesións, declaradas de Interese Turístico Galego, inciando coa mencionada Borriquita, o xoves, a procesión do Santo Encontro onde participan 5 pasos. O encontro realízase na Praza da Constitución. Sempre acompañado tamén de bandas de música e coa interpretación de oracións habitualmente cunha soprano ou mezzosoprano. O venres temos a procesión do Santo Enterro e dos Caladiños.
Hai centos de persoas implicadas, non poido dicir un dato exacto.. Hai pasos que os portan 40 persoas e outros 24 persoas. O xoves santo saen cinco pasos e xa non só os portadores, tamén os acompañantes, monaguillos, bandas de música, mulleres con mantilla,.. son centos de persoas as que participan.
Como percibe a participación dos máis novos na Semana Santa brigantina?
Os máis novos participan desde moi pequenos, hai rapaces que soen ir ao catecismo e xa participan como monaguillos. Hai mozos que tamén participan, pero sobre todo a medida que foi pasando o tempo e se consolidou a Semana Santa, o numero de rapaciños que participan foi medrando a medida que medraba a semana santa.
Na procesión da Borriquita toda a roupa que tiñamos para nenos e mozos non chegou e mira que Temos moita ropa. Xente que quixo participar e non puido por falta de infraestruturas. Cada vez máis participación de nenos e de mozos, nenas e mozas, vai in crescendo afortunadamente.

Que diferenza á Semana Santa de Betanzos ?
Na Semana Santa de Betanzos ten un peso importante o que é a tradición porque é unha cidade histórica, que vén celebrando a Semana Santa desde o século XIV atendendo ás tradicións. Outra das tradicións que tiñamos e queremos recuperarar é a do desenclavo. Así, a tradición ten un peso específico.
Logo a cultura porque a imaxinería de Betanzos é unha imaxinería que ten un peso importante desde o punto de vista histórico-artístico. O Cristo da Misericordia ou Cristo dos mareantes son do século XIV. Unha autentica xoia que segue saíndo en procesión, hai unha imaxinería fundamentalmente do século XVIII, barroca, de gran calidade e de extraordinaria labra. A historia en Betanzos foi moi xenerosa en todos os aspectos.
Temos tamén a escenografía, o casco histórico de Betanzos, declarado Monumento histórico artístico desde o ano 70. A morfoloxía urbana segue a ser a mesma que tiña no século XIV, con esas rúas con este carácter de urbanismo popular, de rúas estreitas, de casas con pazos, escudos, con esa tipoloxía urbana tan específica de cidade medieval que lle dá un carácter especial.
Tamén se identificaron roupas tradicionais que estaban sen empregar nos almacéns das parroquias. Hai pezas preciosas, que son túnicas, albas ou capas do século XVIII, auténticas xoias. Realizouse un traballo de recuperación e de restauración de roquetes e albas cun traballo de bordados extraordinarios. Isto sería outro elemento diferenciador.
Nunha cidade tan especial como Betanzos é un sentimento de convivencia, participación cidadá cos meus veciños nun proxecto común como é a Semana Santa.