A Selección Galega UEFA realizará un adestramento aberto en Miño este 28 de outubro

Miño volverá ser escenario de fútbol de alto nivel este martes 28 de outubro. A Selección Galega de Fútbol UEFA, vixente campioa de Europa da Copa das Rexións UEFA no 2023, levará a cabo un adestramento aberto no Campo de Fútbol Municipal de Gallamonde a partir das 17.00 h. Trátase dunha sesión de preparación que forma parte da posta a punto do equipo galego de cara ás próximas fases competitivas estatais.
Desde o Concello de Miño sinalan que é unha oportunidade excepcional para a afección local, que poderá seguir de preto o traballo técnico e táctico dun grupo que fixo historia para o fútbol galego ao proclamarse campión continental en categoría rexional en 2023. Esta selección está integrada por futbolistas do fútbol galego sénior afeccionado e compite baixo o paraugas da Real Federación Galega de Fútbol, participando na Copa das Rexións UEFA, torneo oficial destinado ás seleccións autonómicas/amadoras e avalado pola UEFA. Galicia proclamouse campioa desta competición en 2023 tras superar á selección de Belgrado na final.
O adestramento celebrarase a portas abertas, polo que calquera afeccionado ou afeccionada poderá achegarse a Gallamonde para ver ao combinado galego en acción. Dende o club local e dende o propio Concello agradécese publicamente á Real Federación Galega de Fútbol a confianza depositada no municipio e no campo municipal para acoller este tipo de citas.
O goberno municipal destaca que acoller de novo á Selección Galega reforza a proxección deportiva de Miño e contribúe a visibilizar o traballo que se está a facer a nivel de base e de infraestruturas no fútbol local.