A Selección Española de Fútbol Feminino xogará o martes 16 de xullo no Estadio de Riazor contra Bélxica

ACoruñaXa
Haberá unha zona fan en Riazor e unha exposición no Obelisco sobre a historia da selección feminina
Imaxe da presentación do partido da Selección Feminina contra Bélxica na Coruña
5 Xul 2024

Esta mañá de venres celebrouse no estadio municipal de Riazor a presentación do partido España-Bélxica da Selección Española Feminina que se disputará o martes 16 de xullo ás 19.00 horas.

O acto, presidido pola alcaldesa Inés Rey, tivo lugar no propio recinto que acollerá o encontro. Ademais da rexedora, que estivo acompañada polo concelleiro de Deportes, Manuel Vázquez, e o concelleiro de Cultura e Turismo, Gonzalo Castro, tamén interviñeron no acto o vicepresidente da Real Federación Española de Fútbol e presidente da Real Federación Galega de Fútbol. Rafael Louzán, o secretario xeral de Deportes, José Ramón Lete, o deputado de Deportes, Antonio Leira e a conselleira do Real Club Deportivo, Michelle Clemente. Tamén participou no acto a ex internacional e xogadora do Karbo FC Inma Castaño.

“A Coruña sempre foi unha cidade pioneira no fútbol feminino, comezando coa figura de Irene Gonzalez Basanta e continuando con aquel histórico Karbo e o noso querido Dépor ABANCA, que este 2024 volve á élite”, apuntou a alcaldesa. As entradas para o encontro, que teñen un prezo de 10 a 15 euros, xa están á venda a través da páxina web da RFEF. Rey rememorou o partido que enfrontou a España e Azerbaiyán en Riazor no ano 2019 e que supuxo o récord de asistencia nun encontro feminino no país. “Non se me ocorre mellor momento para recibir a segunda visita da selección, nun estadio que neste 2024 deunos moitas alegrías aos coruñeses e coruñesas", ” sinalou Rey.

España regresará á cidade como o mellor equipo do ránking FIFA e tras conseguir o Mundial 2023 e a Copa de Nacións 2024. Será o último partido de clasificación para a Eurocopa 2025, para a cal o equipo dirixido por Montse Tomé xa está clasificada e celebrarase dúas semanas antes do debut da selección feminina nos Xogos Olímpicos de París. “Esperamos que A Coruña sexa talismán e a próxima visita de España a Riazor poidamos falar dunha selección campioa olímpica ou de Europa”, dixo Inés Rey.

Promoción de entradas, sistema de narración e actividades paralelas

As entradas para o partido, que se puxeron á venda este venres, terán un prezo de 10 a 15 euros e contarán con descontos especiais de ata un 20% para as persoas que as merquen entre este venres e o próximo martes, 9 de xullo. Poderán adquirirse unicamente a través de tickets.rfef.es. Haberá entradas especiais para persoas con mobilidade reducida a un prezo de 10 euros que inclúe tamén o pase dunha persoa acompañante.

Por outra banda, Inés Rey celebrou que este encontro conte co sistema de narración para persoas cegas ideado polo coruñés Jesús Suárez co apoio do Concello e que a RFEF incorporou para os seus partidos.

Por outra banda, tal e como anunciou a alcaldesa, desde o luns 8 ao domingo 14 haberá unha exposición fotográfica da historia da selección feminina na contorna do Obelisco. Ademais, durante o venres 12 e sábado 13 instalarase na explanada do Palacio dos Deportes unha zona fan con actividades para todas as idades. “Animo á cidadanía a asistir en masa a este encontro e superar as máis de 10.000 persoas que viviron a primeira visita de España á nosa cidade”, concluíu Inés Rey.

0.14759397506714