A selección coruñesa sub-12 conquista o Campionato Galego de Seleccións Comarcais en Mos

A selección comarcal da Coruña sub-12 proclamouse esta fin de semana campioa de Galicia tras gañar a final ante Vigo (1-0) no Campionato Galego de Seleccións Comarcais Femininas, celebrado en Mos e organizado pola Real Federación Galega de Fútbol coa colaboración do Concello anfitrión.
A xornada reuniu a máis de 300 xogadoras (con presenza de comarcas de toda Galicia) e desenvolveuse de xeito intensivo desde a mañá ata a tarde, con partidos simultáneos nos campos de As Baloutas e Coto Torrón (Tameiga).
Esta edición estivo marcada tamén polo cambio de formato na categoría sub-12, que nesta fase se disputa en fútbol 7 para aliñar o campionato co modelo estatal e co traballo de detección de talento de cara ás futuras seleccións galegas.
O éxito da Coruña sub-12 tivo ademais un eco especial en municipios da contorna: o Concello de Culleredo felicitou á xogadora Lucía Acuña, capitá do equipo campión, destacando o traballo colectivo do equipo ao longo do campionato. Tamén o Concello de Curtis felicitou a Natalia, unha das xogadoras, destacando o orgullo que supón para o municipio ver como o talento local medra e destaca no fútbol galego tras un campionato no que, segundo salientaron, o grupo fixo historia a base de esforzo, ilusión e traballo colectivo. En Oleiros, o concello felicitou as xogadoras Xoana Beis, Sara Zuluaga, Andrea Martínez e Vera Melki.