A segunda Mostra Cinema por Mulleres na Coruña recibiu máis de 2.000 espectadores
A II Mostra Internacional Cinema Por Mulleres A Coruña pechou a súa segunda edición cunha asistencia total de 2.134 espectadores e espectadoras nas salas de cine dos Cantóns. A iniciativa promovida polo Concello foi un éxito e chegou a rexistrar tres sesións con todas as entradas vendidas.
Entre o 22 de febreiro e o 9 de marzo proxectáronse 20 largometraxes españois e internacionais e se celebrou unha mesa redonda con directoras para analizar o pasado, presente e o futuro da industria. As tres películas que esgotaron os billetes foron ‘El maestro que prometió el mar’ (‘El mestre que va prometre el mar’) de Patricia Font, ‘20.000 especies de abejas’ de Estibaliz Urresola Solaguren e ‘Past Lives’ de Celine Song.
Esta edición comezou no Teatro Colón cunha mesa redonda moderada por Chelo Loureiro (Ferrol, directora e produtora de cinema gañadora de catro premios Goya). Nela participaron relevantes directoras de cinema como Ángeles Huerta (A Coruña), Jaione Camborda (San Sebastián-Santiago de Compostela), Olga Osorio (Lugo) e Paula Cons (A Coruña). O obxectivo deste encontro non foi só visibilizar o seu traballo, senón poñer en valor o protagonismo destas profesionais no auxe da ficción audiovisual galega, con películas producidas na comunidade ou rodadas en Galicia e en galego.
A mostra estivo composta por unha coidada selección de 10 longametraxes internacionais e 10 españolas dirixidas por mulleres e realizadas entre 2022 e 2023. As 20 películas que conformaron a II Mostra son as que participaron na Competición Internacional e a Competición Española do “VI Festival Cine por Mujeres Madrid”, que tivo lugar do 24 de outubro ao 5 de novembro de 2023. Proveñen de países tan variados como Lituania, Bélxica, Francia, Marrocos, Reino Unido, Corea do Sur, Canadá, Grecia, México, Alemaña, Israel,
Países Baixos, Chile, Suecia e, obviamente, España. Destas 20 longametraxes, a metade serán estreas absolutas para o público coruñés: 6 internacionais e 4 españolas. Entre elas, atopáronse longametraxes con múltiples premios en festivais internacionais como ‘How to have Sex’ da directora británica Molly Manning Walker e ‘O corno’ de Jaione Camborda, gañadora da Cuncha de Ouro en San Sebastián. A dita directora presentou o pase da súa película en Los Cantones Cines e mantivo un coloquio posterior co público.