A Coruña acollerá unha mostra de cinema feito por mulleres do 22 de febreiro ao 9 de marzo

ACoruñaXa
A segunda Mostra Cinema por Mulleres A Coruña será do 22 de febreiro ao 9 de marzo.
¡salta' película
17 Xan 2024

A segunda Mostra Cinema por Mulleres A Coruña será do 22 de febreiro ao 9 de marzo. As citas serán nos Cantones Cines, cunha selección moi variada de longametraxes nacionais e internacionais dirixidas por mulleres.

As entradas terán un prezo de 4,5 euros (3 euros con desconto para desempregados, maiores de 65, familias numerosas e posuidores do carné xove) e haberá dous pases diarios: o primeiro, ás 18.00 e o segundo, ás 20.30 horas. Todas as películas serán proxectadas en versión orixinal con subtítulos.

Dez estreos inéditos na cidade

A mostra estará composta por unha selección de 10 longametraxes internacionais e 10 nacionais e realizadas entre os anos 2022 e 2023. Todas elas participaron na Competición Internacional e a Competición Nacional do VI Festival Cine por Mujeres en Madrid, que tivo lugar do 24 de outubro ao 5 de novembro de 2023. Ademais as cintas proveñen de países como Lituania, Bélxica, Francia, Marrocos, Reino Unido e Corea do Sur, entre outras. Delas a metade serán estreas absolutas para o público coruñés: 6 internacionais e 4 españois.

Moitas delas foron galardoadas con premios en festivais internacionais como é o caso de 'How to have Sex' da directora británica Molly Manning Walker e o de 'O corno' de Jaione Camborda, que presentará o pase da súa película en Los Cantones Cines e manterá un coloquio posterior co público.

Ademais sete das películas do programa contan con diversos nomeamentos aos Premios Goya 2024. A de '20.000 especies de abejas', de Estibaliz Urresola Solaguren, con 15 nomeamentos. 'El maestro que prometió el mar', de Patricia Font, con 5 nomeamentos. A 'Creatura', de Elena Martín Gimeno, con 4 nomeamentos. 'O Corno' de Jaione Camborda, nomeada a Mellor actriz revelación para Janet Novás. 'Chinas', de Arantxa Echevarría, con 4 nomeamentos. 'El sueño de la sultana', de Isabel Herguera, nomeada a Mellor película de animación. E, por último, 'La memoria infinita', de Maite Alberdi, nomeada a Mellor película iberoamericana.

Unha mesa redonda con directoras o 22 de febreiro

A II Mostra Cinema por Mulleres A Coruña será presentada na Coruña o 22 de febreiro polos co-directores e fundadores do proxecto, Carlota Álvarez Basso e Diego Mais Trelles, mentres que algún dos 20 pases contarán coa presentación das súas directoras ou coa presentación da crítica e programadora coruñesa Andrea Franco.

Como novidade desta edición haberá unha mesa redonda o xoves 22 de febreiro ás 19.00 horas no Teatro Colón que estará moderada pola directora e produtora Chelo Loureiro (Ferrol). Nela participarán relevantes directoras de cinema como Ángeles Huerta (A Coruña); Jaione Camborda (San Sebastián-Santiago de Compostela); Olga Osorio (Lugo) e Paula Cons (A Coruña). O obxectivo deste encontro non é dar visibilidade ao seu traballo e poñer en valor o protagonismo destas profesionais no auxe da ficción audiovisual galega, con películas producidas na comunidade ou rodadas en Galicia e en galego.

Proxección de dúas películas por día

O venres 23 de febreiro ás 18.00 horas proxectarase a película de 'O Corno' e haberá un coloquio coa súa directora, Jaione Camborda. Ás 20.30 horas será a quenda de 'Plece of my heart'. O sábado 24, ás 18.00 'El mestre que va a promettre el mar' e ás 20.30, 'How to have sex'. O mércores 28 serán 'China' ás 18.00 e 'Temps mort', 20.30 as encargadas de entreter ao público nos cines Los Cantones.

O xoves 29 de febreiro ás 18.00 horas 'Creatura' e ás 20.30, 'Ha pilegesh (The Other Widow)'. O venres 1 de marzo proxectaranse 'El sueño de la sultana' ás 18.00 horas coa presenza de Chelo Loureiro e, ás 20.30 horas, 'El eco'. O sábado 2 de marzo ás 18.00 será o turno de 'La Singla' (subtitulada) e 'Slow' ´s 20.30 horas.

O mércores 6 de marzo, '20.000 especies de abejas', ás 18.00 horas e 'La memoria infinita' ás 20.30. O xoves 7, poderase desfrutar de 'Vasil' ás 18.00 horas e de 'Sluzka' ás 20.30. O venres 8 de marzo estarán na carteleira  'Las buenas compañías' ás 18.00 horas e 'Animalia' ás 20.30. Por último, o sábado 9 de marzo, '¡Salta!', presentada por Olga Osorio e ' Past lives' ás 20.30 horas.

 

0.18044400215149