A segunda edición da Xornada Interuniversitaria Galega de Innovación Docente será o 14 de novembro

ACoruñaXa
Conformará un punto de encontro para poñer en común experiencias e tecer redes de colaboración das que poidan xurdir novos proxectos.
xornadas do ano pasado UDC
Imaxe de arquivo das xornadas celebradas o ano pasado na Universidade da Coruña.
29 Xul 2024

A segunda Xornada Interuniversitaria Galega de Innovación Docente (XIGAID), organizada en conxunto pola Universidade da Coruña, a Universidade de Santiago de Compostela e a Universidade de Vigo, conformará un punto de encontro entre docentes de educación superior de toda a comunidade, para poñer en común experiencias e tecer redes de colaboración das que poidan xurdir novos proxectos. Esta segunda edición, que mantén como lema ‘Contextos universitarios transformadores: tecendo redes de futuro’, abre xa o prazo de inscrición ata o 8 de outubro nas súas dúas modalidades de participación: presencial e virtual.

A xornada presencial, na que pode participar calquera persoa interesada, celebrarase na Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais da USC o vindeiro 14 de novembro. Ademais, o PDI das tres universidades públicas galegas poderá participar tamén (ou só) na modalidade virtual, mediante a presentación de pósteres virtuais na plataforma UDCAberta. Desta volta, hai tres premios, un por cada liña temática, para os mellores pósteres segundo unha comisión avaliadora.

“Logo da celebración da primeira xornada o ano pasado na UDC, temos máis claro que a participación de docentes de todo o Sistema Universitario de Galicia presentando as súas iniciativas pode activar proxectos innovadores de grande interese que contribúan á mellora da experiencia docente”, sinalan desde a organización do evento.

A conferencia plenaria correrá a cargo do profesor Senén Barro e versará sobre a ‘Intelixencia artificial na docencia’. A continuación, desenvolveranse un debate sobre ‘Avaliación para a mellora continua na docencia’ guiado polo profesor da UDC José Antonio García Naya, no que participarán o presidente da Comisión Galega de Informes, Avaliación, Certificación e Acreditación (CGIACA) da Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia (ACSUG), Santos Rego; o profesor da USC Fernando Fraga Varela, e persoal técnico da Área de Calidade da UVigo. A seguir, expoñeranse as comunicacións correspondentes aos tres pósteres gañadores dos premios.

Xa en quenda de tarde, poderanse coñecer experiencias de innovación docente ligadas á introdución da perspectiva de xénero na docencia (a cargo de Milena Villar), ao deseño de materiais audiovisuais para o ensino da Física, etc. A xornada concluirá coa entrega de premios aos tres pósteres máis votados.

Da organización da Xornada Interuniversitaria Galega de Innovación Docente (XIGAID), forman parte o Centro Universitario de Formación e Innovación Educativa (CUFIE) da UDC, a Área de Formación e Innovación Educativa da UVigo e mais o Centro de Formación de Persoal da USC.

0.12405800819397