A Ruta ciclista BTT discorrerá polos encoros de Cerceda, Ordes, Carral e Abegondo
A Deputación da Coruña abre este martes o prazo para inscribirse na Marcha de BTT Ruta dos Encoros. A competición, organizada pola institución provincial, terá lugar o sábado 20 de abril, e conta cun percorrido de 62 quilómetros, cunha duración aproximada de catro horas.
A ruta ciclista discorrerá polos concellos de Cerceda, Ordes, Carral e Abegondo, tomando como referencia os encoros do lago de Encrobas, Vilaselín e Beche. Trátase dunha ruta circular con saída e chegada no Campo do Roxo, no Concello de Cerceda..
As inscricións xa se poden formalizar a través da páxina web da Deputación da Coruña ata o vindeiro venres, 5 de abril. A participación na proba é de balde e aceptaranse as 200 primeiras solicitudes, incluíndo 10 máis que se manterán nunha lista de garda. Cada persoa participante tan só poderá presentar unha solicitude.
O deputado provincial de Deportes, Antonio Leira, anima a participar nesta carreira, “que discorre por paraxes naturais dunha gran beleza natural como o lago de Encrobas, Vilaselín e Beche” e subliñou que “desde a Deputación da Coruña queremos fomentar a práctica do deporte e os hábitos de vida saudables a través da celebración deste tipo de competicións deportivas”.