A rúa San Andrés convértese nunha gran sala de teceduría urbana polo Día de Tecer en Público

A celebración do Día Internacional de Tecer en Público tivo este ano un sabor especial na Coruña. A rúa San Andrés transformouse nun espazo vivo de encontro, creatividade e participación grazas a unha xornada organizada pola mercería La Crisálida e apoiada polo Concello, que serviu para reivindicar as labores tradicionais como forma de expresión e dinamización do espazo urbano.
Durante a mañá, desenvolvéronse diferentes actividades abertas á veciñanza, como unha instalación artística de yarnbombing —acción creativa que consiste en cubrir elementos urbanos con tecido de lá—, unha sesión de teceduría colectiva e varios sorteos de material relacionado co mundo do crochet, tricot e outras técnicas téxtiles.
Ata o lugar achegáronse a alcaldesa da Coruña, Inés Rey, e a concelleira de Emprego, Mercados e Comercio, Diana Cabanas, quen acompañaron ás persoas participantes e mostraron o apoio institucional a este tipo de propostas. Durante a visita, Inés Rey puxo en valor o interese da cidadanía “por iniciativas que combinan creatividade, tradición e actividade económica local”, destacando tamén o seu papel na “convivencia e a recuperación de prácticas culturais en contornas urbanas”.
O evento rexistrou unha ampla participación e converteuse nun espazo onde tecer foi moito máis ca unha técnica artesanal: foi un acto colectivo de memoria, identidade e ocupación positiva do espazo público.