A rúa de San Andrés queda aberta ao tráfico tras finalizar as obras de reurbanización

A rúa de San Andrés queda aberta ao tráfico rodado despois de finalizar os traballos de reurbanización, que se prolongaron durante 12 meses cun investimento municipal de 3,2 millóns de euros. Esta intervención permitiu recuperar a configuración orixinal da vía como bulevar, ampliando as zonas verdes, mellorando os espazos para a cidadanía e incorporando novo mobiliario urbano.
A alcaldesa, Inés Rey, presidiu a o acto de apertura, no que participaron todos os concelleiros e concelleiras do Goberno municipal, ademais de veciños e comerciantes da rúa. “Completamos unha das actuacións máis importantes na Coruña deste lustro, seguindo coa nosa política de crear rúas máis amables, transitables e pensadas para as persoas”, declarou a rexedora.
O acto celebrouse na praza de San Andrés, unhas horas antes de que a rúa quedase aberta ao tráfico de vehículos privados, comerciais e taxis. A recuperación das liñas de autobús urbano que circulaban por esta vía efectuarase de maneira gradual a partir do xoves 6 de marzo.
A alcaldesa destacou que estas melloras beneficiarán tanto aos veciños e comerciantes como aos transeúntes habituais e ao sector do transporte de mercadorías. Desde este xoves, os novos espazos de carga e descarga estarán operativos, e a zona provisional de Santa Catalina, habilitada durante as obras, manterase en servizo.
Ademais, este xoves quedaranse dispoñibles os novos contedores para o seu uso por parte da veciñanza e do comercio local. En canto á circulación, a rúa de Santa Catalina pasará a ser de sentido único cara a San Andrés desde Durán Loriga, mentres que a rúa Hortas quedará en sentido San Andrés e Durán Loriga. A rúa Alta será exclusivamente peonil e contará cun carril bici.
NOVIDADES NAS LIÑAS DO BUS URBANO
A reapertura de San Andrés implicará cambios nas liñas de autobús urbano, co obxectivo de recuperar o tránsito polo centro e adaptalo á futura reurbanización dos Cantóns. As liñas 3 e 7, no sentido de entrada á cidade, manterán o seu percorrido actual por Juan Flórez, Fernando González, Notariado, Fontán, praza de Ourense e despois xirarán cara á praza de Mina e Cantóns, xa que non poderán acceder a Cantóns desde Santa Catalina. Mantense a parada provisional fronte ao Hotel Hesperia.
As liñas 4, 6, 6A e 11 recuperarán o seu percorrido orixinal antes das obras, retomando a parada na praza de Pontevedra. Pola súa parte, as liñas 4, 5, 6, 6A, 7 e 11 no sentido de saída da cidade volverán circular por San Andrés desde a rúa Pórtico de San Andrés. A liña 11, a pesar de recuperar o seu paso por San Andrés ata a praza de Pontevedra, manterá os desvíos temporais debido ás obras en Pla y Cancela, circulando por Juan Flórez ata San Pedro de Mezonzo e rolda de Nelle. Finalmente, as liñas 24 e UDC recuperarán a parada en praza de Pontevedra, 18.