A Romaría de Santa Margarida celebrarase cunha ampla programación musical e cultural

O Concello da Coruña mantén o formato de catro días para a Romaría de Santa Margarida, que terá lugar no parque homónimo do 28 ao 31 de agosto. O concelleiro de Cultura e Turismo, Gonzalo Castro, presentou o programa completo acompañado por representantes das asociacións culturais galegas da cidade e por algúns dos artistas participantes.
“Desde o Goberno de Inés Rey estamos a levar a cabo un importante traballo de posta en valor e exaltación dos grandes eventos tradicionais da cidade, como esta Romaría de Santa Margarida, na que celebramos a nosa cultura da man das asociacións e agrupacións da cidade”, sinalou Castro durante a presentación.
Como nos últimos anos, a Romaría tamén terá presenza internacional a través da súa promoción no Festival Intercéltico de Lorient, o principal evento mundial dedicado á música e ao folclore celta.
A programación comezará o xoves 28 co concerto de Gala i Ovidio, o novo proxecto de Aida Tarrío e Raül Refree, que se estrea por primeira vez en directo no auditorio do parque de Santa Margarida ás 21.00 horas. Antes, ás 20.00 horas, actuará Belem Tajes.
O venres terá lugar un concerto especial no Planetario da Casa das Ciencias con Germán Díaz e Benxamín Otero, que ofrecerán unha dobre sesión ás 18.00 e ás 19.00 horas. As entradas poden adquirirse na web dos Museos Científicos. Esa mesma noite celebrarase a Gran Noite do Folclore coas actuacións de Cántigas da Terra, Aturuxo, Xacarandaina, Donaire e Son d’Aquí.
Durante a fin de semana, o anfiteatro acollerá os concertos de As Lagharteiras, Os do Fondo da Barra e Comando Curuxás coas Cantareiras de Cántigas e Frores (sábado), e Os Melidaos, Rura e El Nido con convidados (domingo). Tamén o domingo 31, ás 12.00 horas, a Banda Municipal de Música da Coruña actuará xunto con Donaire na escalinata da Casa das Ciencias.
O Espazo Participativo volverá ofrecer obradoiros e exhibicións da man das entidades culturais galegas da cidade, completando unha programación que aposta pola identidade, a tradición e a participación cidadá.