A Reserva de Biosfera presenta en Arteixo o proxecto europeo LIFE Global

A Reserva de Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo conmemorará o vindeiro luns, 26 de maio, o Día da Rede Natura 2000 cun acto no Museo do Mar de Sorrizo, en Arteixo. A cita, que comezará ás 10.00 horas, servirá tamén como escenario para dar a coñecer publicamente o novo proxecto europeo no que participa a entidade: LIFE Global.
Este novo programa europeo ten como obxectivo restaurar e conservar hábitats naturais de alto valor ecolóxico en distintos puntos da península ibérica. En concreto, levaranse a cabo actuacións en dez ecosistemas considerados prioritarios situados en Galicia, Castela e León, Euskadi, Navarra e o norte de Portugal.
Ao acto asistirán representantes institucionais e científicos de primeiro nivel. Confirmaron a súa participación o presidente da Reserva de Biosfera, José Antonio Santiso; a directora xeral de Patrimonio Natural da Xunta de Galicia, Marisol Díaz Mouteira; o alcalde de Arteixo, Carlos Calvelo; e o director do Instituto de Biodiversidade Agraria e Desenvolvemento Rural (IBADER), Pablo Ramil Rego.
A xornada dividirase en varios bloques temáticos, cunha serie de relatorios a cargo de expertos da Reserva de Biosfera e do IBADER, centrados no proxecto LIFE Global e na importancia da Rede Natura 2000. Ademais, incluirase unha ponencia sobre o proxecto Interreg IBERALEX, orientado á xestión sustentable de praias e humidais, con especial atención á conservación do chorlitejo patinegro (píllara das dunas). Esta charla será impartida por María José Vidal Malde, doutora en Bioloxía pola Universidade de Santiago de Compostela.
Como colofón ao evento, os asistentes participarán nun percorrido interpretativo pola ZEC Costa da Morte, incluída na Rede Natura 2000, onde se realizará unha actividade de sensibilización e identificación de especies invasoras. Unha oportunidade para achegarse ao valor ecolóxico do territorio e á necesidade da súa preservación.