A Reserva de Biosfera Mariñas Coruñesas quenta motores para a feira BioCultura

A Reserva de Biosfera Mariñas Coruñesas continúa a súa preparación para a próxima edición da feira BioCultura, que terá lugar en ExpoCoruña do 7 ao 9 de marzo. Para inaugurar a súa presenza no evento, a entidade organizará unha xornada técnica aberta ao público xeral, na que exporá o modelo que a converteu nunha das marcas máis prestixiosas de Galicia e España en materia de sustentabilidade turística e ecoturismo.
A sesión, organizada en colaboración coa Facultade de Turismo da Universidade da Coruña, EXPOCoruña e BioCultura, dará comezo ás 9.00 horas no stand que a Reserva de Biosfera terá no evento. A primeira intervención correrá a cargo de Diego López, xerente do organismo e do seu Plan de Sostibilidade Turística, quen presentará a ponencia 'Novas iniciativas de sustentabilidade turística no primeiro destino de ecoturismo certificado de Galicia', onde abordará as claves para consolidar este modelo de turismo responsable.
Ás 10.00 horas intervirá Ana Vázquez, xerente de Alecrín Actividades e Aventuras, quen analizará a situación actual do ecoturismo en Galicia.
Despois dunha breve pausa, celebrarase unha mesa redonda centrada nun dos piares fundamentais do éxito de Mariñas Coruñesas: a súa tripla certificación de calidade. Moderada por Diego López, contará coa participación de cinco relatores: Cristina Bañobre (Daterra), representante do sector agroalimentario e agroturístico; Ángel Varela (Brasa de Beche), en representación dos “Restaurantes da Biosfera”; Verónica Kuzmenko (Hotel Noa Boutique), dentro da categoría de “Aloxamentos da Biosfera”; José Ángel Paz Quintana (77 Turismo de Betanzos), empresa certificada na Reserva; e Elena Carro, técnica de turismo do Concello de Betanzos, cuxa oficina de información tamén conta co selo de calidade.
A xornada pecharase coa conferencia 'Sostibilidade e tradición. Desafíos no destino rural', impartida de 12.45 a 13.30 horas polo investigador turístico e fundador de EUFUNDEVIVO.
O obxectivo deste encontro é trasladar ao público a fórmula desenvolvida pola Reserva de Biosfera Mariñas Coruñesas para converterse nun referente no ecoturismo. A mensaxe principal será a necesidade de apostar por un modelo turístico máis respectuoso co medio, baseado en produtos locais e de calidade, que xeren riqueza no seu entorno sen ser invasivos nin agresivos co territorio nin coa súa comunidade.